Bugallo inaugura hoxe na Fundación Granell unha exposición con cadros de emigrados galegos en Latinoamérica
Nesta exposición exhíbense 17 cadros de grandes figuras galegas que se viron na necesidade de marchar a Latinoamérica como Abreu Bastos, Ángel Botello, Arturo Souto, Castelao, Eugenio Granell, Isaac Díaz Pardo, Laxeiro, Maruja Mallo, Luís Seoane, Manuel Pailós e Mario Fernández Granell
O Consorcio de Santiago está a traballar no proxecto expositivo “Imaxinando Compostela”, unha iniciativa cultural que se presentará os vindeiros días. A primeira exposición desta proposta inaugúrase hoxe xoves na Fundación Granell, baixo o título “Figurando lembranzas”.
Ao acto asistirá o alcalde de Santiago e presidente do Consorcio da Cidade, Xosé A. Sánchez Bugallo; a xerente do Consorcio de Santiago, Belén Hernández; o responsable de Exposicións do organismo interadministrativo, Juan Conde; ademais da comisaria desta serie de exposicións, Mercedes Rozas.
Nesta exposición exhíbense 17 cadros de grandes figuras galegas que se viron na necesidade de marchar a Latinoamérica como Abreu Bastos, Ángel Botello, Arturo Souto, Castelao, Eugenio Granell, Isaac Díaz Pardo, Laxeiro, Maruja Mallo, Luís Seoane, Manuel Pailós e Mario Fernández Granell. Estas obras teñen como fío condutor a paisaxe. Cada unha das pezas reflicte as influencias que estes artistas recolleron nos países onde vivían, como lles marcou o seu contorno.