Miguel Ángel Vidal acercou a arqueoloxía de Corrubedo aos veciños da zona
A charla, de case unha hora de duración, espertou un grande interese entre a veciñanza congregada que contribuíu a enriquecer a exposición cos seus comentarios e reflexións
O dinamizador da Sala Museo Municipal de Ribeira, Miguel Ángel Vidal Lojo, ofreceu na noite do venres dentro do programa do Xuño da Cultura e as Artes na casa do mar de Corrubedo unha concorrida charla dedicada á arqueoloxía desta parroquia.
Vidal Tomé, que como arqueólogo foi o responsable dalgunhas escavacións próximas como a de Castro da Cidade, remontouse á época megalítica para referenciar os primeiros vestixios dos que hai constancia dentro do territorio histórico de Corrubedo: a saber, dúas mámoas situadas no monte Facho. Tamén acreditou a existencia dun castro sen escavar no cumio deste monte do que, a día de hoxe, pódese recoñecer na súa superficie un tramo da súa muralla. Posiblemente, houbo outro castro na cima do monte Tahúme. O menhir de Bretal ou unha estela funeraria romana descrita polo Pai Sarmiento tamén afloraron ao longo da súa intervención.
A charla, de case unha hora de duración, espertou un grande interese entre a veciñanza congregada que contribuíu a enriquecer a exposición cos seus comentarios e reflexións.
A cita, que enchou a casa do mar, foi unha iniciativa promovida pola asociación Corrubedo XI Séculos coa colaboración do Concello. Francisco Sánchez Fraga obsequiou a Vidal Lojo no nome da entidade cunha publicación xenealóxica de Edmundo Fraga López na que se analizan oito apellidos típicos de Corrubedo (entre eles, o propio Lojo), así como un obsequio institucional consistente nunha réplica dunha das pedras que marcan os límites históricos do antigo coto de Corrubedo. Foi realizada polo artesán e veciño do pobo Manuel Olveira Franco.
A próxima charla da asociación terá lugar na casa do mar o venres 5 de xullo, ás 21 horas (adíase unha hora con respecto ao horario inicial) e será impartida polo arquiveiro municipal José Antonio Otero Sobrido cunha conferencia titulada “Corrubedo, anos 50”.