Tres alumnos de Santiago conseguen o premio extraordinario de FP
A dotación orzamentaria para estes premios é de 19.550 euros que se distribuirán entre os galardoados na mesma contía, de 850 euros por alumno
A Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional publicou onte no Diario Oficial de Galicia a concesión dos Premios extraordinarios de Formación Profesional de grao superior correspondentes ao curso 2017/18, a través dos que se recoñecen os 20 mellores expedientes dos ciclos de grao superior. Tres deles son alumnas e alumnos de centros de Santiago, en concreto Cristina Cernadas Fernández (familia profesional de Edificación e obra civil, IES As Fontiñas), Pablo Cerviño Otero (Química, CIFP Politécnico de Santiago) e Belén Balboa Ferreiro (Sanidade, CPR Santa Apolonia).
A dotación orzamentaria para estes premios é de 19.550 euros que se distribuirán entre os galardoados na mesma contía, de 850 euros por alumno. Ademais da correspondente dotación económica, a obtención destes premios dálle dereito ao alumnado a concorrer, logo de inscrición, ao correspondente premio nacional de formación profesional de grao superior.
O obxectivo destes galardóns é recoñecer publicamente os méritos excepcionais baseados no esforzo e no traballo do alumnado que cursou cun excelente resultado académico estudos de formación profesional de grao superior en Galicia e enmárcanse dentro das diferentes accións que leva a cabo a Consellería para a posta en valor e fomento da excelencia dentro do sistema educativo galego.
Puideron optar a este recoñecemento as e os estudantes que cursasen estudos de FP de grao superior no curso 2017/18 nalgún centro educativo da comunidade autónoma (ben modalidade presencial ou modalidade a distancia) e os rematasen no ano 2018, sempre e cando obtivesen unha cualificación final do ciclo formativo igual ou superior a 8,5 puntos; entre outros requisitos.