miércoles. 25.11.2026 |
El tiempo

Tres músicos nóveis de Galicia tocarán hoxe coa Real Filharmonía de Galicia

Tres músicos nóveis de Galicia tocarán hoxe coa Real Filharmonía de Galicia
Tres músicos nóveis de Galicia tocarán hoxe coa Real Filharmonía de Galicia

O IX Festival Internacional Peregrinos Musicais, destinado a apoiar novos talentos, clausúrase este mércores en Santiago

O IX Festival Internacional Peregrinos Musicais, cuxa finalidade é apoiar a novos talentos galegos e doutros países, clausúrase hoxe mércores, 3 de xullo, como é habitual, cun concerto coa Real Filharmonía de Galicia (RFG). A orquestra, dirixida nesta ocasión polo seu director asociado, o mestre compostelán Maximino Zumalave, acompañará a músicos noveis de Galicia e tamén a outros procedentes de Holanda, Canadá e Rusia. Esta cita terá lugar ás 20:30 horas no Auditorio de Galicia.

Do total de quince mozos que foron seleccionados para participar nesta edición do festival, todos eles de entre 10 e 22 anos de idade, escolléronse a oito para actuar como solistas neste concerto coa RFG. Trátase dos galegos Xosé Antón Comesaña, clarinetista de Vigo; Luís López, violinista de Lugo; e da viola compostelá Marta Rodríguez. Ademais, contarase co violoncellista holandés Thomas Prchal, co pianista canadense Elijah Orlenko e cos xoves rusos Erik Mirzoyan (clarinete), Artur Krischyan (violín) e Efrosinia Shuplyakova (arpa).

A través deste festival conséguese dar respaldo e proxección internacional a novas promesas da música. Os rapaces gozan ademais dunha ocasión única para tocar como solistas cunha orquestra profesional como é a Real Filharmonía de Galicia.

OBRAS PARA CLARINETE, VIOLÍN, VIOLA, VIOLONCELLO, PIANO E ARPA

No transcurso da actuación o público asistente terá a oportunidade de escoitar fragmentos de pezas ou obras completas pertencentes a diferentes épocas e estilos. Así, o programa inclúe o Concerto para clarinete de Aaron Copland, a Sinfonía concertante en Mi bemol maior de Mozart, as Variacións sobre un tema rococó de Chaikovski, o Concerto para piano nº 23 de Mozart, Sholem-alekhem rov Friedman! do compositor húngaro Béla Kovács, a Danza rusa de O lago dos cisnes de Chaikovski, rematando coa Aria ao estilo clásico do francés Marcel Grandjany.

Comentarios
Lo más