Críticas ao SERGAS pola realidade da asistencia sanitaria en Santiago e no Barbanza
O sindicato lémbralle ao Servizo Galego de saúde que na atención primaria non só traballan especialistas en medicina de familia, senón que os equipos son multidisciplinares
A Federación de Sanidade de CCOO acusa o Sergas de negar a realidade asistencial na área sanitaria Santiago-Barbanza. Após as críticas do sindicato a pasada semana, a resposta do Servizo Galego de Saúde limitouse a sinalar que "é coñecido o paro cero entre os médicos de familia". Desde Comisións lémbranlle á Administración sanitaria que na atención primaria non só traballan especialistas en medicina de familia, pois os equipos son multidisciplinares e cada membro "fai un labor imprescindible".
Como exemplo, CCOO-Sanidade sinala a situación dos técnicos en coidados auxiliares de enfermaría (TCAE). "A día de hoxe, hai vacacións deste persoal que non se cubriron, malia contar con profesionais desta categoría nas listaxes de vinculación temporal". A mesma situación repítese co persoal de servizos xerais (PSX) ou enfermaría, apunta o sindicato.
Nos últimos días, Comisións orientou e facilitou a inclusión nas listaxes de vinculación temporal do Sergas a profesionais da enfermaría que se graduaron no mes de xuño, ao redor de corenta novos titulados e tituladas que "poderían formar parte do mercado laboral por vez primeira este mes de xullo se a Administración llelo facilitase".
Por último, CCOO lémbralle á Administración sanitaria que "as necesidades de atención á saúde da poboación non diminúen sexa cal for a época do ano", e insiste en que na área sanitaria Santiago-Barbanza a presión asistencial "é moito maior" durante o verán porque se duplica a poboación nas localidades costeiras e naquelas por onde pasa o Camiño de Santiago. "O día a día de centros de saúde como os de Porto do Son, Ribeira ou Melide, serven para desmontar as palabras do Sergas", conclúen desde o sindicato.