Bandas xuvenís de Galicia amenizan coa súa música ao público da Cidade da Cultura
Enmárcase na programación do Serán’02: II Encontro Galego de Cultura Popular
Máis de medio milleiro de intérpretes de bandas de música de toda Galicia danse cita esta fin de semana no Gaiás para participar no Serán’02: II Encontro Galego de Cultura Popular. O evento, promovido pola Xunta para impulsar e pór de relevo a cultura galega de base, desprega un intenso programa de tres días, enteiramente de balde, con concertos de bandas de música das catro provincias galegas, así como diversas formacións infantís e xuvenís.
Entre as bandas que protagonizan este evento multitudinario atópanse a Banda de Sada –que protagonizou un concerto xuvenil este sábado– e outras catro bandas da provincia da Coruña. Por un lado as bandas municipais de Santiago de Compostela e A Coruña –que actuaron nun concerto dobre na noite do venres– e a banda de Santa Cruz de Ribadulla e do Tercio Norte de Ferrol –que actúan tamén en distintos momentos deste sábado–.
Este II Encontro Galego de Cultura Popular nace con vocación de dirixirse a todo tipo de público, sexa ou non parte do sector. Así, o encontro ofrece tanto contidos de tipo profesional como clases maxistrais con músicos recoñecido prestixio, conferencias ou mesas redondas, como un plan familiar de fin de semana.
O público asistente pode gozar dos concertos e espectáculos programados, con algunhas das mellores bandas de Galicia, visitar o recinto feiral do encontro ou participar en obradoiros de fabricación de instrumentos con materiais de refugallo dirixidos á cativada. O encontro conta co apoio da Federación Galega de Bandas de Música Populares (FGBMP) e Gadis.