O Gaiás acolleu o baile das Irmandades da Fala, dentro do programa Serán'02
O conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, participou no evento promovido pola Xunta de Galicia para apoiar a cultura galega
O conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, asistiu ao baile das Irmandades da Fala ambientado a comezos do século XX e que representa un dos pratos fortes do Serán’02, o II Encontro Galego de Cultura Popular promovido pola Xunta de Galicia para apoiar a cultura galega de base e dedicado nesta edición ás bandas de música.
Neste Baile das Irmandades da Fala mesturouse o son icónico dalgunhas das bandas de música máis senlleiras de Galicia –como son as de Lalín, Santa Cruz de Rivadulla, a Unión Musical de Valladares e a Lira de Ribadavia–, coa nosa música tradicional da man das charangas de Xacarandaina, O Fiadeiro e Cantigas e Agarimos.
A danza estivo moi presente en toda a xornada do sábado do Serán’02, xa que ao longo de todo o día impartíronse obradoiros de baile agarrado, de balde e destinados a todo tipo de público. Nestes cursos intensivos, os asistentes aprenderon a técnica básica da polca, o valse, a mazurca, o pasodobre ou o chotis con grandes profesionais da danza como Suso Cancelas ou Xisco Feijoo. Precisamente, os participantes puideron poñer en práctica o aprendido neste baile Irmandades da Fala.