miércoles. 25.11.2026 |
El tiempo

Montse Prado rexeita o depósito de lodos do Lérez nas illas de Sálvora e Ons

Montse Prado rexeita o depósito de lodos do Lérez nas illas de Sálvora e Ons
Montse Prado rexeita o depósito de lodos do Lérez nas illas de Sálvora e Ons

Montse Prado denuncia que no mesmo lugar existe outro depósito de residuos, aprobado polo Goberno español nos anos 90, cun gran número de toneladas  de materiais nunha extensión similar a varios campos de fútbol

A deputada e portavoz de pesca do BNG, Montse Prado formulou unha pregunta ao goberno sobre o anuncio  de Portos de Galicia para depositar os lodos procedentes da dragaxe do río Lérez nunha zona próxima ás illas de Sálvora e Ons.  

Na súa intervención, Prado lembrou que a finais dos anos 90 o Estado español fixou un  lugar entre as illas de Sálvora e Ons para verter os lodos e residuos procedentes das obras de ampliación de peirao de Ferrazo, en Vilagarcía de Arousa  e dende esa data foron toneladas de metros cúbicos de lodos e outros materiais depositados de zonas como: Marín, Vigo, Cambados, Tragobe, Meloxo, Rianxo...  A deputada asegurou que o lugar é “unha auténtica montaña cunha área similar a varios campos de fútbol e metros de altura”.

O punto de vertido, situado  a 2 millas de Sálvora e a 3.7 de Ons, explicou, é un espazo protexido e forma  parte do Parque Natural das Illas Atlánticas, Zona CEPA e área Ospar cuxo obxectivo xeral é  conservar os ecosistemas mariños, prevención e eliminación da contaminación.

“Non podemos permitir” recalcou a nacionalista,  que na entrada da ría máis produtiva de Galicia, a ría de Arousa,  de enorme riqueza produtiva e ambiental, exista un depósito con toneladas de residuos que poñen  en risco o seu ecosistema.

O BNG móstrase contrario, xa non só a que se poidan verter neste punto máis lodos, senón tamén da permanencia do depósito  na canle de entrada á ría, “pola que entra a corrente oceanográfica que provoca o afloramento na ría de Arousa, e polo  tanto, todo o que se deposita lévao a corrente o os temporais dispérsano ría dentro.

Por outro lado, engadiu que  as Confrarías, a Plataforma en defensa da ría de Arousa, colectivos ecoloxistas e  cidadanía en xeral teñen mostrado a súa oposición a este proxecto. A deputada preguntou se a pesar dos problemas que vai a ocasionar o novo depósito o goberno persistirá na súa intención?.

Tras  a resposta  da conselleira do Mar, a parlamentaria do BNG  acusou á Xunta de “irresponsable” e de aplicar unha política contraria ao  sector extractivo da ría de Arousa, “estratéxico, pola riqueza e emprego que xera: o 44% das mariscadoras a pé, o 68% das bateas de mexillón e o 41% das embarcacións de artes menores.

Unha frota pesqueira composta por máis de 1.700 embarcacións de pesca e máis de 800 auxiliares de pesca e acuicultura.

“Póñanse man á obra e deixe de ameazar con que  a oposición aos vertidos na bocana da ría de Arousa impedirán  as dragaxes pendentes porque a súa obriga é facer todas as dragaxes que sexan necesarias e con garantías.

Si as lamas están contaminadas que se lle apliquen os tratamentos adecuados, que se busquen depósitos alternativos, que se inertizen e sobre todo, busquen unha alternativa ao depósito que non prexudique a produción, aos ecosistemas, ao medio ambiente e ás rías galegas.

Comentarios
Lo más