miércoles. 25.11.2026 |
El tiempo

O CPEIG celebra hoxe a súa “XI Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia”

O CPEIG celebra hoxe a súa “XI Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia”
O CPEIG celebra hoxe a súa “XI Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia”

Luis Zahera presentará o evento no que se entregarán os premios anuais da profesión e que clausurará o alcalde Sánchez Bugallo

O CPEIG celebrará hoxe venres, día 28, a “XI Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia”, unha gala que terá lugar no Hotel Monumento San Francisco de Santiago de Compostela, a partir das 20:00 horas, e na que se entregarán os premios anuais da profesión. Está previsto que preto de 350 convidados asistan ao evento TIC referente de Galicia, entre representantes do ámbito empresarial, da Administración Pública, do ámbito universitario e profesionais. 

A Noite é xa unha gala consolidada onde o CPEIG pretende mostrar á sociedade o traballo desenvolto por enxeñeiros en informática dentro da sociedade da información e as iniciativas relacionadas co ámbito das TIC. Esta décimo primeira edición será presentada polo actor compostelán Luis Zahera, gañador do Goya ao mellor actor de reparto 2019, e será clausurada polo alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, e o presidente do CPEIG, Fernando Suárez.

O CPEIG constituíuse en decembro de 2007 como corporación de dereito público e de carácter profesional con personalidade xurídica propia que se rexe pola normativa vixente na materia e polos seus estatutos. Cunha estrutura interna democrática e independente das administracións públicas, o Colexio agrupa obrigatoriamente a todas as persoas que, tendo o título oficial de Enxeñaría en Informática ou Licenciatura en Informática, desenvolven actividades propias da profesión en Galicia. Na actualidade, o CPEIG suma máis de 350 colexiados e colexiadas.

Premios da “XI Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia”

O CPEIG creou este ano unha nova categoría, o premio Innovación Tecnolóxica no Ensino que recoñece o labor dun centro de ensino e o seu profesorado en prol da difusión da tecnoloxía entre o alumnado. Na súa primeira edición recaeu no CEIP Ponte dos Brozos de Arteixo, un dos sete centros seleccionados pola UNESCO para aparecer nunha publicación sobre as mellores prácticas de aprendizaxe móbil.

A distinción e-Inclusión foi para "Camino de los Satélites", unha iniciativa da Fundación Tecnología Social (Funteso) destinada a mostrar como as tecnoloxías socialmente responsables poden facer accesible o Camiño de Santiago a todo o mundo.

O galardón Iniciativa Emprendedora outorgouse ao Club Financiero Atlántico da Coruña polo seu soporte organizativo na Mobile Week Coruña, o evento internacional máis importante da historia de Galicia que se celebrou na Coruña do 21 ao 28 de novembro de 2018.

O premio Iniciativa Empresarial concedeuse nesta edición a dúas entidades: Hijos de Rivera, polo seu proceso de transformación dixital, e a asociación Alastria polo fomento da economía dixital a través do desenvolvemento de tecnoloxías descentralizadas/Blockchain.

O premio Ada Byron foi este ano para Mónica Fernández Bugallo (Ferrol, 1975), profesora de comunicación dixital e procesamento do sinal do Departamento de Enxeñaría Eléctrica e Informática da Universidade de Stony Brook en New York, ademais de directora do Programa "Mulleres na Ciencia e a Enxeñaría (WISE–Women in Science & Engineering)".

O CPEIG distinguiu co premio Iniciativa da Administración ao programa de "Talleres e Axudas á Dixitalización", promovido polo Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) da Consellería de Economía, Emprego e Industria da Xunta de Galicia.

O Colexio profesional recoñece a Traxectoria Profesional de Carlos Vázquez Mariño, director da Área de Solucións Tecnolóxicas Sectoriais da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA).

O Premio Especial CPEIG como distinción de agradecemento a empresas pola súa constancia no apoio á gala A Noite foi para as compañías Altia e Everis.

O premio Colexiado de Honra foi para o director xeral de Mobile World Capital Barcelona, Carlos Grau Lara, polo seu labor profesional no ámbito da tecnoloxías da información e as comunicacións.

E finalmente, o premio Proxecto Fin de Carreira/Mestrado recaeu no enxeñeiro en informática Óscar Blanco Novoa (A Coruña, 1992) polo seu proxecto “Sistema domótico de eficiencia enerxética no fogar con interface de realidade aumentada” como traballo Fin de Mestrado na Universidade da Coruña.

Comentarios
Lo más