Pasos de peóns para a diversidade sexual e igualdade en Ames
Ames tamén forma parte da campaña ‘Liberdade de ser e sentir!’ impulsada pola Deputación da Coruña, na que participan arredor de corenta concellos da provincia
Este venres, 28 de xuño, o Concello de Ames conmemora o Día Internacional do Orgullo LGTBQI cunha serie de accións dirixidas a visibilizar ao colectivo LGTBQI e reivindicar unha convivencia baseada na tolerancia e a igualdade. O acto central, que ten lugar ás 12.00h no Concello, inclúe a lectura dun manifesto acordado entre os membros da corporación municipal e o reparto de material como chapas, bolsas ou camisetas entre os asistentes. Asemade, Ames adhírese á campaña ‘Liberdade de ser e sentir!’ impulsada pola Deputación da Coruña, na que participan arredor de corenta concellos da provincia.
Ames énchese de música e cores un ano máis para celebrar o Día Internacional do Orgullo LGTBQI, que se conmemora cada 28 de xuño. Este ano, as cores do arco da vella non só tinguirán a Casa do Concello, mediante a iluminación nocturna do edificio e a colocación das bandeiras LGTBQI e TRANS no balcón, senón que se estenderán polos núcleos urbanos de Bertamiráns e o Milladoiro.
Asemade, mañá realizarase a lectura do manifesto a partir das 12.00h na Casa do Concello por parte de distintos membros da corporación municipal e de Eric Gómez. Dende o goberno anímase a toda a veciñanza a participar no acto, ao que tamén están convidadas as traballadoras e traballadores municipais, así como o resto de grupos políticos. A iniciativa tamén incluirá moita música e o reparto de chapas, bolsas e camisetas entre os e as asistentes.
Por outra banda, as persoas que queiran participar neste proxecto e mostrar a súa celebración deste día poden sacar as súas fotos nos pasos de peóns ou nos bancos do Concello de Ames e subilas ás redes sociais baixo o hastag #AmesConcelloDiverso e #AmesLiberdadeDeSerESentir.
PASOS DE PEÓNS COA BANDEIRA LGTBQI
Ademáis, con motivo deste celebración, pintaronse dous bancos da Praza do Concello coas ditas bandeiras e dous pasos de peóns, situados na rúa Ameneiral de Bertamiráns e na Travesía do Porto, á altura do Paseo da Igualdade, do Milladoiro.
Esta medida foi criticada polo incumplimento do artigo 168 c) do regulamento xeral de circulación que recolle que as marcas para os pasos de peóns deben de ser unicamente brancas e alternándose.
Pola súa parte, o alcalde José Miñones asegura que está a cumprir a lei xa que ten o visto bo do inspector da Policía Local.