miércoles. 25.11.2026 |
El tiempo

Santi Valladares entra con forza no F.C. Meigas

Santi Valladares entra con forza no F.C. Meigas
Santi Valladares entra con forza no F.C. Meigas

En dito acto estiveron o alcalde de Ames, José Miñones, a concelleira de Deportes, Susana Señorís, o adestrador e novo membro da dirección deportiva do F.C. Meigas, Santi Valladares, e maila presidenta do club amesán, Paola Vignolo

Na mañá de onte o salón de plenos da Casa do Concello acolleu a presentación de Santi Valladares como novo membro da estrutura deportiva do F.C Meigas. En dito acto estiveron o alcalde de Ames, José Miñones, a concelleira de Deportes, Susana Señorís, o adestrador e novo membro da dirección deportiva do F.C. Meigas, Santi Valladares, e maila presidenta do club amesán, Paola Vignolo. Para este club amesán trátase dunha incorporación moi importante xa que se trata dunha persoa que é unha referencia dentro do mundo do fútbol sala. 

O Fútbol Club Meigas acaba de pechar a incorporación de Santi Valladares, que pasa a formar parte do seu organigrama dentro do apartado da dirección deportiva. O ex-adestrador do Santiago Futsal xa colaboraba co FC Meigas, pero agora farao de xeito máis directo. Traballará naqueles aspectos e equipos onde sexa necesario desenvolver algún tipo de traballo específico. Ás reas de actuación serán determinadas en colaboración entre o coordinador do club, Diego Montero, e o propio Santi Valladares. 

Santi Valladares mostrouse moi satisfeito de pasar a formar parte da estrutura dun “club serio e que traballa tan ben como é o F.C. Meigas”. Dixo que cando lle fixeron a proposta dende o clubs amesán, non tivo que pensalo moito e ao pouco tempo xa lles dou si como resposta. Ademais, quixo agradecer os gabanzas e asegurou que “o único que pretendo é que o Meigas e o Trasgos medren, eu o faga con eles a través do traballo diario. Isto para min é volver aos meus comezos, poñerme ao día e reciclarme para dar todo o que poida aportar”.

Por outra banda, cómpre salientar que o F.C. Meigas incorporou tamén a temporada pasada ao doutor Marque como médico do club. Deste xeito, a estrutura do F.C. Meigas medra coa incorporación de dúas grandes referencias do deporte como son Santi Valladares e o doutor Marque. 

Incorporación top para o F.C. Meigas

O alcalde, José Miñones, cualificou esta aposta como “unha gran novidade, pasamos a ter un adestrador top dentro dos clubs de Ames, e sempre é un orgullo contar cos mellores, sobre todo se falamos do deporte feminino. Quero darlle os parabéns ao Meigas e Trasgos por ter acadado este gran logro e desexarlle todo a sorte do mundo”. Ademais, definiu esta fichaxe como “un acerto, posto que con Santi Valladares van dar un salto importante de calidade e vai a ter un gran tirón, tanto para o Meigas como para o Trasgos, porque non é o mesmo que te adestre alguén descoñecido a que o faga alguén como Santi”.

A concelleira de Deportes, Susana Señorís, dixo “alégrome que este club, que mostra un compromiso co deporte feminino e tamén co equipo base dos Trasgos, de este paso importante fichando a Santi. Durante os adestramentos seguro que lles ensinará ás rapazas e rapaces novos conceptos técnicos, pero non só iso, senón que ademais ensinaralles valores como o respecto, o compromiso co deporte ou a constancia, para que se sintan orgullosos e orgullosas do traballo que fan”.

A presidenta do club amesán, Paola Vignolo, destacou “estou moi satisfeita porque este é o resultado dun traballo ben feito, sempre coa colaboración do Concello de Ames. Para min é un orgullo dicir que Santi está traballando con nós, porque sei que a nivel de formación da base e dos/as nosos/as técnicos/as vai a ser un salto enorme, que posibilitará que os clubs e o concello de Ames academos unha categoría que nos merecemos, sempre a través do traballo e o compromiso coa calidade”.

Comentarios
Lo más