Condenan a 14 anos a un home por violar a unha menor de idade nas festas de Noia
O imputado deberá indemnizar a vítima, que tiña 14 anos cando sucederon os feitos, con 50.000 euros polas lesións que sufriu e polos danos morais
A sección segunda da Audiencia Provincial da Coruña condenou a 14 anos e medio de cárcere a un acusado de violar a unha menor de idade en agosto de 2017, durante a celebración das festas dunha localidade situada no partido xudicial de Noia. O tribunal considerouno culpable dun delito de agresión sexual sobre persoa menor de 16 anos e tivo en conta a agravante de obrar con abuso de confianza, pois tiña relación familiar coa vítima.
Ademais da pena de prisión, impúxolle oito anos de liberdade vixiada e a prohibición de comunicarse e aproximarse á menor durante 20 anos. O imputado deberá indemnizar a vítima, que tiña 14 anos cando sucederon os feitos, con 50.000 euros polas lesións que sufriu e polos danos morais.
“Non se aprecia no testemuño da menor sentimento algún de odio, resentimento ou vinganza contra o procesado, con quen manifestou ter unha boa relación previa polo parentesco que lles unía e polo trato familiar que tiveran durante anos”, indica o tribunal, quen resalta que a súa declaración foi “seria, crible, consistente e persistente, sen que iso se poida asimilar á repetición mimética, desde o primeiro momento, de todo o ocorrido”.
Os maxistrados tamén tiveron en conta á hora de sentenciar o acusado os informes dos médicos forenses que exploraron á menor en urxencias e os estudos xenéticos das mostras obtidas na exploración, que evidenciaron a presenza de ADN masculino, “sendo os estudos de marcadores de cromosoma compatibles coas mostras obtidas do condenado”.