miércoles. 25.11.2026 |
El tiempo

Os nenos de Ames xa disfrutan dun novo Xuño Lúdico

Os nenos de Ames xa disfrutan dun novo Xuño Lúdico
Os nenos de Ames xa disfrutan dun novo Xuño Lúdico

Coa chegada das vacacións de verán, a Concellaría de Educación de Ames pon en marcha do 25 ao 28 deste mes o programa de conciliación Xuño Lúdico



Coa chegada das vacacións de verán, a Concellaría de Educación de Ames pon en marcha do 25 ao 28 deste mes o programa de conciliación Xuño Lúdico. Ao longo desta semana, os 226 nenos e nenas que participan no programa, 85 deles en Bertamiráns e 141 no Milladoiro, realizan diversas actividades centradas na arte urbana e as múltiples facetas artísticas que a engloban. Esta iniciativa ofrece un amplo abano de actividades educativas e culturais pensadas para os cativos de aquelas familias que precisen conciliar a súa vida familiar e laboral unha vez rematado o curso escolar.

O Xuño Lúdico 2019 ten como obxectivo que os nenos e nenas descubran as súas habilidades artísticas a través das expresións de arte na cultura urbana, ao tempo que os/as anima a que boten man das particularidades propias e culturais para plasmar todo elo en obras tanxibles. Mediante esta iniciativa buscase demostrarlle aos cativos que todas as persoas poden crear este tipo de arte e aportar algo á sociedade. 

Con este obxectivo, os 226 rapaces e rapazas que participan nesta edición están a realizar actividades relacionadas coa elaboración de graffitis, regueifas, parkour, o baile e a música urbana. A través destes exercicios non só se persegue que os cativos e cativas deixen voar a súa imaxinación mentres se entreteñen e traballan en equipo, senón tamén se busca potenciar a súa formación educativa e emocional e promover a súa autonomía persoal.

Para elo, durante toda a semana as nenas contarán coa compañía do grupo artístico “Tropa de Trapo”, un grupo heteroxéneo de arte urbana composto por persoas de diferentes partes do mundo e de diferentes culturas e xéneros que comparten a paixón por este estilo artístico. Eles serán os encargados de descubrirlles as posibilidades da arte urbana e guialos a través das actividades propostas, así como de mostrarlles que a arte debe ser inclusiva, sen distincións de xénero, orixe ou cultura.

Asemade, a través das actividades e dinámicas relacionadas coa arte urbana, as monitoras e monitores tentan espertar a curiosidade dos cativos pola contorna que lles rodea, descubrindo ou redescubrindo artistas de arte urbana de Galicia e do mundo, a través da iniciativa “Ames, un concello que mola”. Este exercicio consiste en botar unha ollada ao noso contorno para pensar a mellor maneira para transformalo mediante o  uso de materiais de refugallo. 

Así, as diferentes tropas deseñarán un prototipo da súa proposta artística explicándolle ás demais tropas detalles como en que consiste ou a súa localización. A través desta actividade buscase que os cativos/as vexan o mundo que os rodea como fonte de inspiración e un lenzo en branco no no que crear múltiples tendencias culturais, posto que a rúa é un escenario vivo onde se atopa todo o necesario para crear un mundo moito máis agradable. 

O Xuño Lúdico convertese nunha iniciativa que lle facilita aos pais e nais conciliar a súa vida laboral coas vacacións dos seus fillos, mentres estes ocupan o seu tempo libre dunha maneira educativa e divertida. Este programa de conciliación únese así aos xa ofertados de xeito regular ao longo do ano, como son o Nadal Lúdico, o Entroido Lúdico, a Primavera Lúdica e mailo Setembro Lúdico, que se suman a outras iniciativas de conciliación como a Escola de Verán. O programa desenvolvese en horario de 7.30h a 16.00 horas, con servizo de Bos Días e comedor.

Comentarios
Lo más