O estadio de Santa Isabel acolle o IV Torneo EDS Memorial Antonio Bermúdez
Será este sábado, 29 de xuño, e participarán os clubes Escola Deportiva Santiago, Atlético Fátima, RC Celta de Vigo, CD Belvís e CF Vista Alegre
A Escola Deportiva Santiago organiza, co apoio do Concello de Santiago, o IV Torneo de fútbol EDS Memorial Antonio Bermúdez, co que se homenaxeará ao xornalista deportivo compostelán falecido no 2016.
O torneo celebrarase o sábado 29 de xuño no estadio de Santa Isabel de 9:30 a 14:00 horas. Haberá competicións nas categorías prebenxamín e alevín. Participarán os equipos dos clubes Escola Deportiva Santiago, Atlético Fátima, RC Celta de Vigo, CD Belvís e CF Vista Alegre.
Este formato enfrontará aos catro equipos prebenxamíns en forma de semifinais, resultando gañador o vencedor na final. A categoría Alevín, disputarase en formato triangular.
Entre os obxectivos que buscamos neste evento, ademais de fomentar a práctica deportiva e darlle continuidade á tempada antes do período vacacional, está o de transmitir e fomentar entre os máis pequenos e familiares unha serie de valores a través do deporte; que é unha das mellores canles de comunicación. Por iso, avogamos por un evento onde por riba de todo prevalecerá o xogo limpo, o respecto e a educación.