Inicio do curso de verán da USC en Rianxo: Galego, porta aberta para o mundo 2
A propia Teresa Moure será a encargada de impartir o primeiro relatorio desta actividade formativa que se vai centrar en analizar e vigorizar os contactos culturais realmente existentes entre os pobos galego e portugués
Hoxe, martes 25, terá lugar no Auditorio de Rianxo a primeira xornada do curso de verán da USC: Galego, porta aberta para o mundo 2 (Lingua, pensamento e cultura na Galiza e Portugal). As persoas encargadas de inaugurar o curso serán a súa directora, a profesora de lingüística e escritora Teresa Moure, o secretario xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia, Valentín García e o alcalde de Rianxo, Adolfo Muíños.
A propia Teresa Moure será a encargada de impartir o primeiro relatorio desta actividade formativa que se vai centrar en analizar e vigorizar os contactos culturais realmente existentes entre os pobos galego e portugués.
A organización deste curso de verán, que xa vai pola súa segunda edición, escolleu nesta ocasión como sede a vila rianxeira, por representar un espazo simbólico na cultura do noso país, grazas á achega que moitos rianxeiros fixeron e fan á construción da galeguidade.
Durante catro días, un nutrido grupo de persoas, entre as relatoras e o alumnado asistente, debaterán sobre lingua, lusofonía, ensino, pensamento, cultura, eutanasia, música, danza, etc., en convivencia coa poboación de Rianxo, que poderá asistir libremente ás charlas e obradoiros que se programan durante a realización do curso.
Elias Torres, Roberto Abuín, Gilberto do Couto, Brais Arribas, Carme Adán, Xoán Antón Pérez Lema, Teresa Torres de Eça e Natalia Poncela serán algunhas das relatoras deste curso de verán