Morre un motorista nun accidente de tráfico en Sarria
Os sanitarios non puideron facer nada pola vida do motorista
Un motorista faleceu en Sarria nun accidente de tráfico no que se viron implicados o seu vehículo e un coche.
O sinistro ocorreu na estrada que une esta localidade e Oural, ao fío das 13:15 horas de onte. Nese momento, unha persoa particular chamaba ao 112 Galicia para dar conta do accidente. Indicaba no seu relato que o motorista podería estar ferido.
Decontado, desde o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE) 112 Galicia púxose a situación en coñecemento do 061-Urxencias Sanitarias que, debido a gravidade das lesións, mobilizou ao helicóptero medicalizado con base en Ourense. Así mesmo, solicitouse a colaboración dos Bombeiros de Sarria, dos axentes da Garda Civil de Tráfico e Policía Local e voluntarios de Protección Civil da localidade.
A pesar dos esforzos dos servizos de emerxencia, nada puideron facer por salvarlle a vida ao motorista.