Valentín García asistiu á inauguración do Foro Inés de Castro no Pazo de Raxoi
O Foro Inés de Castro xorde como espazo de encontro entre a Galicia e o Portugal do século XXI
O secretario xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia, Valentín García, participou onte, no Pazo de Raxoi, na inauguración do Foro Inés de Castro, promovido polo Consello da Cultura Galega e o Camões, Instituto da Cooperação e da Lingua, I.P. No acto interviñeron Rosario Álvarez, presidenta do Consello da Cultura Galega, e o embaixador Luis Faro, presidente do Camões, quen pronunciou o relatorio Percepções da língua portuguesa na literatura. Asistiu tamén o embaixador de Portugal en España, Francisco Ribeiro de Menezes.
O Foro Inés de Castro xorde como espazo de encontro entre a Galicia e o Portugal do século XXI. Concrétase na realización de conferencias, coloquios ou seminarios en Galicia e en Portugal arredor de temas de interese común que permitan intercambiar coñecementos e suxestións, así como actualizar as percepcións que galegos e portugueses teñen os uns dos outros e, en definitiva, fomentar unha relación fluída entre as culturas respectivas.