UCGAL organiza a xornada "A cesta da compra a exame"
O encontro ten como obxectivo analizar todas as variables que inflúen na decisión de compra
O vindeiro martes, 25 de xuño, Santiago de Compostela acollerá a xornada A cesta da compra a exame. O encontro, organizado pola Unión de Consumidores de Galicia (UCGAL), xirará arredor do estudo Hábitos de Alimentación, que esta entidade presentou a principios de ano. O evento desenvolverase en horario de mañá (de 10:00 a 14:00 horas) na Cidade da Cultura e será inaugurado pola directora xeral de Comercio e Consumo, Sol María Vázquez Abeal.
Ao longo da xornada examinaranse os diferentes parámetros que inflúen na configuración da cesta da compra. Na primeira mesa redonda, analizaranse os formatos e as estratexias que aplican os puntos de venda nos que adoitan mercar os galegos e as galegas. A segunda mesa abordará a capacidade económica das persoas consumidoras e como esta determina a súa opción de compra. Finalmente, na última mesa redonda estudarase a evolución do consumo de produtos de valor engadido.
Ademais, o encontro acollerá unha conversa coa directora xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, Mercedes Rodríguez Moreda, na que se valorará o consumo de peixe na nosa comunidade.
O acto tamén será testemuña da sinatura de convenio de colaboración entre a UCGAL e a Confederación Galega de Organizacións de Maiores (COGAMA).