Ribeira acollerá a Feira do Libro ata o domingo
O contacontos e escritor chantadés Anxo Moure foi o encargado de ofrecer un pregón que constituíu un reivindicativo alegato a prol tanto do libro como da educación e o medio ambiente
A V Feira do Libro de Ribeira abriu as súas portas o xoves na praza do Concello cunha proposta que na que a venta de obras literarias de diversos xéneros con descontos do 10% no parque expositivo se combina cunha completa e atractiva programación para lectores e lectoras de todas as idades.
O contacontos e escritor chantadés Anxo Moure foi o encargado de ofrecer un pregón que constituíu un reivindicativo alegato a prol tanto do libro como da educación e o medio ambiente, con referencias a fitos do pasado ribeirense como o pesqueiro “Xurelo” ou as protestas contra o expolio da area das dunas de Corrubedo.
Antes do pregón, interviñeran o alcalde Manuel Ruiz e o secretario xeral de Cultura da Xunta, Anxo Lorenzo, con sendas intervencións nas que fixeron unha acendida defensa do valor do libro para a liberdade do ser humano. O evento estivo conducido por Nani Regueira, coordinadora da Federación de Libreiros de Galicia.
Entre os asistentes figuraron ducias de nenos e nenas do colexio O Grupo que tiveron a ocasión de asistir uns intres antes a un espectáculo infantil ofrecido polo propio Anxo Moure.
A programación continúa esta tarde coa presentación ás 19 horas de “Liñas compartidas”, de editorial Toxosoutos, con Patricia Torrado (editora) e diversos participantes no libro; mentres que ás 20 horas Xabier López Marqués presentará o seu poemario “Arró”.
A V Feira do Libro estará aberta ata este domingo co seguinte horario: xoves e venres de 11.30 a 14 e de 18 a 21.30 horas e sábado e domingo de 12 a 14.30 e de 18 a 21.30 horas. Conta con stands da Libraría Pedreira, a Libraría Cortizas, Ler Libraría da Pobra do Caramiñal e Libraría Cartabón, ademais da Deputación da Coruña.