miércoles. 25.11.2026 |
El tiempo

Máis de 400 fotografías presentadas na IV edición do Fotolingua

Máis de 400 fotografías presentadas na IV edición do Fotolingua
Máis de 400 fotografías presentadas na IV edición do Fotolingua

Na súa IV edición, o concurso Fotolingua está plenamente consolidado, e cumpre o seu obxectivo de darlle visibilidade ao uso do galego no ámbito comercial

A IV edición do concurso Fotolingua, que pretende darlle visibilidade ao uso do galego no ámbito comercial, pechouse con 441 imaxes asociadas ao cancelo #fotolingua. Delas, a que recibiu máis "gústame" do público, 180, foi a realizada por Raquel Pombar na escola Sondanza. Pola súa banda, a organización do certame decidiu premiar a Xaime Varela Siero, polo conxunto de imaxes que publicou no que reflicte a riqueza e variedade de establecementos que usan o galego en Compostela.

Na súa IV edición, o concurso Fotolingua está plenamente consolidado, e cumpre o seu obxectivo de darlle visibilidade ao uso do galego no ámbito comercial, reforzando os establecementos que xa o empregan e animando a outros que o fagan. Este ano, foron un total de 229 imaxes únicas as que se subiron ás dúas redes empregadas no certame, Facebook e Instagram, e que cumprían todos os requirimentos das bases do concurso. A maiores, publicáronse outras 12 que non puideron optar a premio porque incumprían as bases.

A consolidación do concurso tamén se deixa notar no incremento de seguidores na súa páxina de Facebook, que sumou 334 este ano ata chegar a 1.400 persoas. Ademais, o número de impresións nas redes achegouse ás 12.300.

IMAXES PREMIADAS

A imaxe que conseguiu máis "gústame" do público foi a compartida por Raquel Pombar, que fotografou unha parte do alumnado da escola Sondanza diante do centro, no barrio de Conxo. A segunda posición foi para Manolo Villaverde, por unha imaxe do restaurante Antollos, da rúa das Orfas, subida a Facebook; e o terceira imaxe máis valorada polo público foi a subida a Instagram pola usuaria @arancharf no Restaurante Rúa.

Pola súa banda, a organización de Fotolingua acordou premiar a Xaime Varela Siero, polo conxunto de imaxes que publicou de diferentes establecementos que usan o galego en Santiago, e tamén por ter participado no concurso dende a súa primeira edición. Tamén se quixo valorar especialmente a retranca que utiliza nas súas publicacións para incentivar a presenza do galego e todo tipo de comercios. 

Comentarios
Lo más