miércoles. 25.11.2026 |
El tiempo

O Banco de Leite materno do CHUS xa conta con máis de 200 doadoras

O Banco de Leite materno do CHUS xa conta con máis de 200 doadoras
O Banco de Leite materno do CHUS xa conta con máis de 200 doadoras

Dende a súa posta en marcha hai tres anos, máis de 245 bebés prematuros e enfermos de Santiago, Coruña e Ferrol beneficiáronse do banco

O banco de leite materno da xerencia sanitaria compostelá, o primeiro en España certificado pola Norma UNE 179003 de xestión de riscos para a seguridade do doente, ven de celebrar o seu terceiro ano de funcionamento e xa conta con 205 doantes. Grazas a elas ten abastecido cuns 1.000 litros a máis de 245 bebés prematuros e enfermos de Santiago, A Coruña e Ferrol. Amais, axuda ás nais destes bebés receptores a lograr a súa propia lactancia materna co apoio do persoal da Unidade de Lactación Materna.

Yolanda Vázquez Lorenzo, converteuse hai uns días, na doadora número 200. É enfermeira e sabe a importancia que ten a lactación materna para previr enfermidades: “ Creo que é algo importante. Se todas fóramos doadoras, habería moitísimas menos enfermidades e problemas de saúde, e non supón ningún esforzo. Para min é unha experiencia moi bonita poder axudar a outros bebés. Este é o meu primeiro fillo, e cando teña outro, volverei doar. Tamén quero agradecerlle o labor que fan no banco de leite do hospital Clínico”.

O labor das profesionais que atenden o banco de leite vai máis aló do procesamento e distribución de leite materno, xa que o “noso principal obxectivo é a promoción da lactación materna e o apoio ás nais lactantes, para o que contamos, entre outras medidas, con talleres de formación para os profesionais do noso centro e talleres de apoio á lactación para aquelas nais que acaban de ter un fillo recentemente nado ou que precisen apoio”, subliña Luz Couce. De feito, desde 2015 o Hospital Clínico de Santiago de Compostela conta coa fase 1D de acreditación IHAN (Iniciativa para a Humanización da Asistencia ao Nacemento e a Lactación) creada pola Unicef, mérito que foi recoñecido publicamente polo Ministerio de Sanidade.

Ten dúas salas de lactación materna, unha no servizo de obstetricia e outra no servizo de neonatoloxía, que se enmarcan dentro do plan humanización da atención materno-infantil emprendida pola xerencia de xestión integrada de Santiago.

BANCO DE LEITE MATERNO NA XERENCIA COMPOSTELÁ

Consta de toda a tecnoloxía e instalacións necesarias, con cámara de fluxo laminar, analizador de leite humano, conxeladores. O persoal que o atende realizou cursos específicos e estancias nos centros hospitalarios nacionais con máis experiencia neste ámbito para coñecer de preto o seu funcionamento.

O Banco de leite funciona como un centro especializado, responsable da promoción e apoio á lactación materna, e da recolección, procesamento, control de calidade e dispensación do leite de nai doada a calquera neno que a precise. Tanto a doazón como a dispensación son gratuítas. Este sistema permite dispoñer de leite humano en calquera momento e poder iniciar así a alimentación trófica a todos os nenos doentes ou prematuros, á espera de que as súas nais lles poidan dar o seu propio leite.

Ademais, asegúrase que tanto a extracción, procesamento e almacenamento, xa sexa da propia nai ou de nais doantes, se realice de forma segura posto que se trata dun produto biolóxico e, do mesmo xeito que ocorre coa doazón de sangue, precisa dun manexo experto que garanta a súa seguridade e a preservación das súas propiedades nutricionais e inmunolóxicas.

As doantes contan con asesoramento e o leite doado pasa por diversos controis. Unha vez aceptada, é etiquetada e almacenada a -20 graos ata a súa pasteurización, punto fundamental do procesamento, porque con el elimínanse os axentes infecciosos potencialmente transmisibles. Tras pasar este proceso, o leite conxélase, pendente da súa dispensación, durante un máximo de tres meses.

A utilización do Banco de leite está indicado principalmente por necesidades nutricionais, como a prematuridade, a síndrome de malabsorción, erros no metabolismo, nutrición postcirúrxica, para acabados de nacer en adopción ou por VIH materno; terapéuticas, como diarrea intratable, déficit inmunolóxico ou transplante hepático; e preventivas, como enterocolite necrotizante, alerxia as proteínas de leite de vaca, infeccións ou sepse.

OS BENEFICIOS DO LEITE MATERNO

A Organización Mundial da Saúde (OMS) recomenda que o leite humano sexa o alimento de elección durante os seis primeiros meses de vida dun bebé. Ademais, a través de distintos estudos realizados nos últimos anos demostrouse que a lactación materna protexe fronte ás enfermidades infecciosas causadas por virus, bacterias e parasitos ata que o sistema inmune do neonato se desenvolve por completo, e tamén doutras enfermidades a longo prazo, como a diabetes ou Crohn, entre outras.

Por outra banda, demostrouse que é o aporte nutritivo máis completo para un acabada de nacer, é fácil de dixerir e produce menos ganancia de peso innecesaria. Tamén hai estudos que sinalan un efecto positivo da lactación materna na evolución cognitiva do neno. E en canto aos prematuros, está cientificamente probado que alimentalos con leite materna é mellor que facelo con fórmulas derivadas do leite de vaca e asóciase con maior supervivencia. Por todo iso, a OMS indica que cando non se dispoña de leite da propia nai, o leite pasteurizada de nais doantes seleccionadas é a mellor opción para a alimentación dos nenos, sobre todo si se trata de nenos doentes ou de alto risco.

Comentarios
Lo más