Fredi Leis: “Moito do que aprendín co fútbol sérveme agora na miña carreira como músico”
A Escola Deportiva Santiago organiza o seu primeiro Campus de Fútbol e Música do 1 ao 5 de xullo en Santiago
Moitos coñecen a Fredi Leis pola súa crecente e exitosa carreira como músico, cantante e compositor. Na actualidade, o compostelán acaba de presentar o seu último single ‘La Faraona’, ao tempo que continúa percorrendo España e Latinoamérica coa xira do seu primeiro LP ‘Neón’.
Pero poucos saben que o fútbol foi a súa primeira paixón. Empezou xogando ao fútbol sala en categoría prebenxamín, no Toxiño, e de aí foi pasando por diferentes equipos: Rosalía de Castro, Compostela, Conxo, Santiago… Ata chegar ao Pontevedra de Terceira División, club co que incluso disputou algún partido de Copa Diputación co conxunto de Segunda B.
Sen embargo, unha lesión no nocello apartouno do campo durante un tempo. Foi entón cando comezou a publicar as súas cancións en redes sociais. De seguido tiveron moi boa acollida e chegou a hora de decidir entre o fútbol ou a música. Gañou esta última. “E penso que foi unha boa decisión”, afirma.
Con el falamos destas dúas disciplinas, tan diferentes e iguais ao mesmo tempo, e que protagonizan o próximo Campus organizado pola Escola Deportiva Santiago do 1 ao 5 de xullo en Santiago para nenos e nenas de 4 a 12 anos.
- Implicado xa de cheo na música, segues xogando algo ao fútbol por afición?
Xogo menos do que me gustaría, a verdade. Nunca teño unha axenda demasiado clara, concertos, viaxes… paso pouco tempo en casa. Normalmente en verán si que xogo máis. Bótoo de menos. Teño que recoñecelo.
- Como recordas a túa etapa como futbolista?
Superfeliz. O fútbol deume moitas satisfaccións, moitas alegrías… Aprendes coas victorias e coas derrotas. É un mundo moi bonito. Unha das mellores cousas que aporta é a cantidade de xente á que coñeces e os amigos que fas. E a moitos aínda os conservo hoxe.
- Os que te coñecen din que como futbolista eras moi bo…
(Sorrí) Gustábame moito. E cando algo che gusta tanto, esfórzaste moito. Era moi disciplinado. Recordo rematar o adestramento co equipo, ducharme no vestiario e vinte minutos despois ir ao campo e pasarme toda a tarde xogando. Entón, cando pasas tanto tempo cun balón, fai que mellores.
- A música e o deporte son disciplinas distintas, pero cres que poden aportar os mesmos valores?
Si, porque aínda que non o pareza comparten moitas cousas. Agora que estou centrado na música, dinme de conta de cantidade de cousas que aprendín ao longo da miña traxectoria como futbolista que me serven na miña carreira. A disciplina, o traballo en equipo…
En ámbalos dúas hai que adestrar, sexa ao fútbol ou cos ensaios musicais, mantendo un obxectivo de cara á fin de semana: xogar o partido ou dar un concerto. E ata teñen case a mesma duración! Sobre 90 minutos.
No caso dun escenario, a meta é chegar ao público. E no fútbol, é chegar á portería e marcar un gol. E ten que haber un entendemento. Xogando ao fútbol sempre atopaba compañeiros cos que nos entendiamos só coa mirada. E no escenario pasa exactamente o mesmo. Moita da maxia que se crea nos concertos é porque os que estamos alí temos moita complicidade.
Tamén son similares as viaxes, a convivencia… Agora fago quilómetros cos membros da miña banda. Antes era cos que xogaba ao fútbol.
- A música sempre estivo tamén presente na túa vida, pero de pequeno que soñabas con facer de maior?
Eu quería ser futbolista. Tíñao clarísimo. Sempre me gustou moito escoitar música. Pasaba horas con ela. Pero a miña paixón pola música, non só por consumila senón por creala, comezou con 14 anos, cando empecei a compoñer e tocar un piano que me regalaran.
Sen embargo, a música ‘gañou’ a batalla e agora triunfas coas túas composicións. A última, ‘La Farona’, un single moi bailable que acabas de publicar. Que queres contar con ela?
Principalmente é unha canción para bailar. Eu sempre trato de contar historias que me pasaran en primeira persoa, pero neste caso é unha canción que trasmite bo rollo, sensualidade… Apetecíame neste momento facer algo un pouco máis festivo, por dicilo así.
Hai xente á que lle sorprende pero para min é dalgunha maneira un reto persoal. Creo que a música está chea de barreiras, de etiquetas, de xéneros… A min sempre me preguntan que estilo de música fago? E sempre digo que fago cancións en xeral. Dentro de ‘Neón’, o disco que publiquei fai un ano, hai estilos totalmente diferentes. Loxicamente hai un fío conductor pero pode escoitarse en diferentes estados de ánimo. Aínda que tamén digo que esta fin de semana estiven compoñendo moitísimo e fixen cancións máis íntimas. Déixome levar polo que me pide o corpo en cada momento.
- Algo que sempre defendes é que a música sexa de verdade, non si?
Si, cando compoño ou cando me subo a un escenario teño que ser fiel ao que son eu nese momento determinado. Porque se non é así, vai ser moi complicado trasmitilo á persoa que está en fronte.
- E non dá certo pudor expoñer os teus sentimentos nas cancións ou enriba dun escenario?
Eu non teño esa sensación. Si que son consciente de que me abro moito nas cancións. Eu son bastante reservado, incluso tímido, e creo que no escenario atopo ese lugar no que abrirme, no que soltar o que pasa. Necesítoo. Séntame moi ben.
- Pasábache tamén cando xogabas ao fútbol? Eras tímido pero dentro do campo dábalo todo?
Si. Transformábame bastante no campo de fútbol. E nos adestramentos tamén.
- Axudouche entón dalgunha maneira o fútbol a vencer esa timidez?
Si, sobre todo en establecer conexións cos compañeiros que están ao teu redor. E porque tamén es ti o que te expós, o que dás a cara.
Son tamén dúas disciplinas, a música e o fútbol, moi creativas. E nas que tes que asumir unha toma de decisións constante. Estás co balón nos pés e de repente hai catro futbolistas que veñen a presionar para quitarcho e tes que tomar decisións rápidas. E na música é o mesmo. A xente pensa que é só que chegue a fin de semana e que fagas un concerto. Pero non, hai moitas cousas durante a semana. E tamén hai unha toma de decisión constante cando tratas de abrirte camiño na industria musical.