Vinte voluntarios participarán en agosto nun campo internacional que se celebrará no Parque Natural de Corrubedo
Posuirá unha temática eminentemente medioambiental, levando a cabo actividades de mantemento, reconstrución e consolidación de muros e sendeiros, eliminación de plantas alóctonas, vixía de incendios ou labores de sensibilización aos visitantes ao complexo dunar
Coorganizado polo Concello de Ribeira e a Consellería de Política Social, o municipio ribeirense vai dar cabida entre os días 15 e 26 de agosto a un campo internacional de voluntariado no que vinte rapaces e rapazas con idades entre 18 e 30 anos.
Este campo de traballo, cuxa lingua vehicular é o inglés e que foi presentado esta mañá polo concelleiro de Xuventude David Fernández xunto ao técnico Mario Vidal, pretende dar continuidade aos cinco realizados en anos anteriores e focalizará o seu labor principalmente no parque natural de Corrubedo, se ben tamén acollerá outras actividades en lugares como a praia de Coroso, o periurbano de San Roque e a illa de Sálvora.
Posuirá unha temática eminentemente medioambiental, levando a cabo actividades de mantemento, reconstrución e consolidación de muros e sendeiros, eliminación de plantas alóctonas, vixía de incendios ou labores de sensibilización aos visitantes ao complexo dunar, pero sen perder de vista a parte lúdica a través de actividades como snorkel, kaiac, xeocaching, circuítos de aventura en altura, láser tag, observación estelar etc.
TODAS AS PRAZAS CUBERTAS
Todas as prazas están cubertas e David Fernández explicou que redundará positivamente na economía do municipio posto que moitas das actividades programadas realízanse da man de entidades locais e ademais a estancia dos asistentes (que estarán aloxados no albergue da Casa da Xuventude) repercutirá no comercio e na hostalería locais.