O CHUS manterá o 95% das súas camas dispoñibles durante este verán
Prevé manter operativas preto do 95% das camas da xerencia, unha porcentaxe superior á do pasado ano no que houbo unha ocupación de apenas o 76% durante o período estival
A Xerencia de Xestión Integrada de Santiago informou onte á Xunta de persoal da planificación de actividade estival 2019. Trátase dunha medida de xestión habitual en todos os hospitais do Sistema Nacional de Saúde, que se realiza para asegurar as necesidades de cobertura asistencial á poboación. Esta programación realízase de acordo coa previsión da demanda e trala avaliación da actividade estival dos últimos anos e a programación cirúrxica planificada en función da dispoñibilidade de persoal.
Na área sanitaria pública compostelá manteranse operativas preto do 95% das camas dos hospitais de agudos do CHUS, cifra superior á do verán 2018 e moito maior á de anos anteriores, cando o índice de ocupación foi de apenas o 76 %. No hospital Psiquiátrico de Conxo e no hospital de Barbanza mantéñense operativas o 100 %.
O aumento de camas dispoñibles con respecto a anos anteriores é debido ao incremento dun 6% da actividade cirúrxica programada para eses meses e pode levarse a cabo grazas á dispoñibilidade dos profesionais sanitarios da área trala planificación realizada xunto aos xefes de servizo e a colaboración dos traballadores para incrementar a actividade neste período. O Hospital de Conxo manterá actividade cirúrxica, superior mesmo á do pasado ano, en especialidades como oftalmoloxía, dermatoloxía e cirurxía plástica. O resto dos servizos cirúrxicos desenvolverán a súa actividade estival no bloque do Hospital Clínico. Ao longo do verán está previsto realizar un 6 % máis de intervencións cirúrxicas que o ano pasado, que xa fora un ano que experimentara maior actividade cirúrxica que anos anteriores.
Esta programación realízase tendo en conta a responsabilidade principal da sanidade pública galega de garantir a seguridade e calidade asistencial dos pacientes, respectando a prioridade das patoloxías, sen retrasar procesos que non poidan esperar.
Os meses de verán constitúen a época do ano na que hai menor demanda asistencial xa que, se ben nalgunhas patoloxías mantense, é cando se rexistran menos ingresos hospitalarios por patoloxías estacionais e minimízanse as reagudizacións de enfermidades crónicas. Esta diminución permite, amais, que durante estes meses se poida concentrar, tal e como demandan os profesionais, a maior porcentaxe de vacacións dos traballadores no conxunto dos centros sanitarios.
Por outra banda, aprovéitase este período para levar a cabo diversas obras. Así no hospital de Conxo vaise acometer a renovación global dos cabeceiros de todas as habitacións do andar 0, que acolle doentes de traumatoloxía e outras especialidades cirúrxicas. Serán 43 camas que terán pois unha intervención na modernización das súas instalacións eléctricas e de gases medicinais conectados aos cabeceiros das camas. No andar 3 / Dereita levarase a cabo unha reordenación e reforma integral que afectará tanto ás habitacións como ás zonas comúns, ademais están programados outros pequenos traballos de mantemento.
Así mesmo, neste verán tamén se procederá a realizar labores de mellora en 12 quirófanos da área, tanto no Hospital Clínico (7 no bloque cirúrxico + 1 partos + 1 UCMA) como no Hospital Médico-cirúrxico de Conxo (2) e no Hospital da Barbanza, onde se procederá á renovación da súa instalación lumínica.
A xerencia de Santiago insiste en que todos os recursos están dispoñibles e sempre que se necesitan están inmediatamente operativos, tal e como se ten demostrado en pasados veráns, e lembra que a actividade de urxencias diminúe lixeiramente respecto á media anual ao tempo que mantén estable o cadro de persoal de todo o ano.