miércoles. 25.11.2026 |
El tiempo

Bertamiráns acolle este venres un concerto solidario de folclore galego

Bertamiráns acolle este venres un concerto solidario de folclore galego
Bertamiráns acolle este venres un concerto solidario de folclore galego

O evento comezará ás 18.30h, e contará coa actuación dun total de sete agrupacións musicais, tanto de Ames como de distintas zonas da provincia

A delegación de Santiago de Compostela de Manos Unidas, en colaboración co Concello de Ames, organiza este venres, 7 de xuño, un concerto benéfico de folclore galego na Casa da Cultura de Bertamiráns. O evento, que comezará ás 18.30h, contará coa actuación dun total de sete agrupacións musicais, tanto de Ames como de distintas zonas da provincia. O importe recadado será destinado a un proxecto que Manos Unidas desenvolverá na India, a través do que pretende dotar a unhas 600 mulleres  de recursos en materia de igualdade e emprendemento laboral, ao tempo que se lles prestará axuda para mellorar a súa situación. O donativo está fixado en cinco euros por persoa.

O auditorio da Casa da Cultura de Bertamiráns acolle este venres, ás 18:30 horas, un concerto solidario de folclore galego organizado pola delegación compostelá de Manos Unidas. O evento musical contará coa participación da Coral de Amigos de Javier Otero, a Coral Val de Sar de Padrón, Grupo Terra de Ames, Grupo Retranqueiros, Grupo Agronovo de Esteiro, as Pandereteiras A Maíanas e do Coro parroquial de Ames e Piñeiro. A entrada para o concerto, que conta coa colaboración do Concello de Ames,   ten un custo de 5 euros.

O recadado durante o acto será destinado ao novo proxecto que Manos Unidas porá en marcha na India, país no que a organización leva traballando dende 1971. A través desta iniciativa, destinada a un total de 450 mulleres e 150 adolescentes da rexión rural de Rajastán, levaranse a esa zona os recursos necesarios para por en marcha un plan de emprendemento laboral co obxectivo de axudalas a que adquiran unha serie de capacidades destinadas á creación de negocios colectivos, sostibles e rentables. Ditas actividades xirarán arredor da costura e a elaboración de encurtidos, deterxentes ou xabóns, para o que poderán aproveitar a materia prima da zona, así como xestión de axudas para a creación de microempresas e o cultivo de pastos e coidado de animales.

Asemade, tamén se impartirán talleres sobre igualdade e dereitos da muller co obxectivo de facilitar o seu empoderamento, e investirase na formación de matronas e no acceso á saúde. A finalidade deste proxecto é ofrecerlle á esta poboación unha serie de ferramentas para mellorar a súa calidade de vida de cara ao futuro, a través do crecemento persoal e o desenvolvemento económico. As zonas rurais nas que se levarán a cabo estas actuacións están marcadas por unha orografía montañosa, un forte patriarcado, unha importante dependencia das chuvias amazónicas e un ríxido sentido de estratificación social establecido mediante castas.

Pola súa banda, Mans Unidas é unha organización non gubernamental española con sesenta anos de historia. Na actualidade, conta con 73.381 socios/as, 5.345 voluntarios e 72 delegacións repartidas por toda España. Asemade, está presente nun total de 54 países a través de 907 proxectos.

Comentarios
Lo más