O xulgado ordena que se siga a causa por prevaricación contra unha concelleira de Fene que suspendeu un pleno en 2017
A xuíza destaca que a concelleira “ignorou deliberadamente a resolución xudicial que suspendera o acordo plenario que lles outorgaba a condición de concelleiros non adscritos”
O Xulgado de Instrución número 3 de Ferrol concluíu a investigación e decretou que se continúen as dilixencias polos trámites do procedemento abreviado por se os feitos polos que se investigou á que en 2017 era concelleira do Concello de Fene por suspender o pleno no que ía votarse unha moción de censura ao entón alcalde, que era do seu mesmo grupo municipal, fosen constitutivos dun delito de prevaricación.
A maxistrada concede á Fiscalía e ás acusacións particulares un prazo de dez días para que soliciten a apertura de xuízo oral formulando escrito de acusación ou o sobresemento da causa ou, excepcionalmente, a práctica de dilixencias complementarias.
A instrutora relata que a investigada, facendo valer o seu voto de calidade como presidenta da Mesa de Idade do Concello, decidiu “unilateral e arbitrariamente”, co fin de “evitar o debate e a tramitación da moción de censura”, suspender o pleno baseándose na condición de concelleiros non adscritos de dúas persoas.
A xuíza destaca que a concelleira “ignorou deliberadamente a resolución xudicial que suspendera o acordo plenario que lles outorgaba a condición de concelleiros non adscritos”, polo que considera que carecía de “suposto legal xustificativo” para suspender o pleno.