O Congreso da EDiSo reúne máis de 200 especialistas en Santiago de Compostela
A Comisión Organizadora Local está liderada por tres profesoras da Facultade de Filoloxía - Gabriela Prego Vázquez, Luz Zas Varela e M. Felisa Rodríguez Prado - e formada por persoal docente e investigador do centro
Entre 5 e 7 de xuño ten lugar en Santiago o IV Simposium Internacional da Asociación de Estudos sobre Discurso e Sociedade (EDiSo), na Facultade de Filoloxía da USC.
Este congreso internacional, organizado bianualmente por EDiSo – asociación de carácter transnacional - chega a Santiago de Compostela despois de ter sido celebrado en Sevilla, Coimbra, e Barcelona. Congregadas á volta do tema “Voces, silencios e silenciamentos nos estudos do discurso”, ao longo de tres días reúnense unhas 250 persoas para situar o foco na necesidade de analisar os discursos prestando atención non só a aquilo que se di e é visible, mais tamén ao que se cala, invisibiliza ou é indecible.
A Comisión Organizadora Local está liderada por tres profesoras da Facultade de Filoloxía - Gabriela Prego Vázquez, Luz Zas Varela e M. Felisa Rodríguez Prado - e formada por persoal docente e investigador do centro, en cuxos espazos terán lugar a maioría das actividades programadas para estas tres xornadas. As diversas sesións, organizadas en forma de encontros plenarios, mesas redondas, sesións temáticas ou de comunicacións libres, dan lugar a un programa – disponible en https://easychair.org/smart-program/EDiSo2019/ – variado e complexo, que contará con transmisión parcial en streaming (a través da USC-TV, en http://tv.usc.es/directo2.html).
Entre as persoas participantes encóntranse estudiosas das universidades do SUG, de diversas procedencias do Estado Español e de institucións universitarias de Portugal e, ademáis, especialistas de Argentina, EEUU, Italia, Reino Unido, Suíza ou Brasil. Xuntas, contribuirán para dar vida a un encontro encontro académico onde se reflexionará, entre outras cuestións, sobre a condición de ‘ser falante’, de cidadanía e de mobilidade. En conxunto, preténdese lanzar luz tanto sobre as relacións de poder como sobre as condicións en que se xera o coñecemento, a partir da realización de pesquisas con perspectiva de xénero, compromiso social investigador, análise crítica e participa(c)ción, incluindo a preocupación para favorecer políticas lingüísticas máis inclusivas.
En termos de transferencia da pesquisa á cidadanía, na tarde do xoves (día 6) terá lugar unha acción de divulgación na rúa. Nunha saída na cal se percorrerá a distancia entre Vite e a Quintana, a través de un roteiro deseñado por alumnas da Facultade, será feita na praza unha acción participativa cidadá preparada no cadro do Observatorio do Discurso de EDiSo, con exposición de resultados de investigación participativa realizada por alunado da USC e doutras universidades europeas e americanas.
Por outro lado, como mostra de compromiso que pasa do discurso para a práctica, a organización apostou na visibilización de modelos sustentables, desde o punto de vista económico, social e cultural. Así, nos intervalos-café serán servidas bebidas e produtos do comercio xusto e vai aproveitarse para divulgar, a través de charlas solidarias, os valores do comercio equitativo e do desenvolvemento sustentábel. Tamén haberá froitas do Mercado de Abastos, na lóxica de produtos frescos da época e de proximidade.
En termos de consumo responsable e contribuindo para reducir o uso de plásticos, as habituais pequenas botellas de agua envasada serán substituídas pola entrega, a cada unha das persoas inscritas no Simposio, de unha botella de vidro a abastecer nas fontes existentes en Filoloxía e que, debidamente identificada, permite a reutilización.