miércoles. 25.11.2026 |
El tiempo

Comezan as obras de construción dunha senda peonil na parroquia de Lamas

Comezan as obras de construción dunha senda peonil na parroquia de Lamas
Comezan as obras de construción dunha senda peonil na parroquia de Lamas

O proxecto conta cun orzamento de case 100.000 euros e mellorará notablemente a seguridade viaria nunha zona de tránsito de vehículos

O Concello de Boqueixón deu comezo ás obras de construción dunha senda peonil na parroquia de Lamas. O proxecto conta cun orzamento de preto de 100.000 euros, sendo financiado nun 80% pola Deputación da Coruña, que aporta un total de 77.257 euros a través dun convenio de colaboración asinado coa entidade local. O prazo de execución dos traballos é de seis meses.

“Esta senda peonil mellorará notablemente a seguridade viaria nun lugar onde hai bastante tráfico de vehículos, xa que é un itinerario de acceso ao aeroporto de Santiago”, explica o rexedor boqueixanés, Manuel Fernández Munín. O alcalde lembrou tamén que esta nova infraestrutura “vén a dar resposta a unha antiga demanda da veciñanza de Lamas”.

A senda peonil que se está a construír en Lamas contará cun total de 621 metros de longo e estará dividida en sete treitos: 300x2,50; 70x1,00; 47x1,80; 42x1,80; 60x1,60 e 54x1,40. Ademais da propia senda, levaranse a cabo os traballos de canalización, coa execución de 15 arquetas con sumidoiro de 21 metros de caz con reixa para a recollida de augas pluviais, así como a canalización para o alumeado público, previa escavación de zanxa e posterior recheo compactado da mesma.

Con dez centímetros de zahorra e quince de formigón, a construción da senda peonil de Lamas unificarase coa estrada cunha capa de microaglomerado ao ancho da mesma para elevar a cota da rasante. O proxecto tamén recolle o traslado dos colectores de lixo e o seu ocultamento cunha estrutura de madeira, retirada e colocación dunha nova marquesiña, instalación de 4 bancos de pedra granítica e repintado da sinalización horizontal.

Comentarios
Lo más