Denuncian novos desprendementos do teito do Hospital Gil Casares
Son múltiples as denuncias de CCOO polo mal estado de conservación do centro sanitario
A sección sindical de CCOO no Complexo Hospitalario de Santiago de Compostela volve a denunciar dun novo desprendemento no teito do Hospital Gil Casares. O suceso tivo lugar na mañá do pasado venres, cando unha filtración de auga provocou a caída de parte do teito e a inundación dun corredor.
Desde CCOO sinalan que "por sorte" non houbo danos persoais, xa que o dito corredor está situado na planta -1, no lugar de acceso dos carros de cociña, unha zona por onde tamén é frecuente a presenza do persoal, xa que é onde se localizan os vestiarios.
Comisións lamenta que "non se trata dun feito illado", pois sucesos parecidos tiveron lugar o ano pasado, nos meses e xuño e outubro. O sindicato critica a falta de implicación da Xerencia na conservación do hospital e insta a investir no seu mantemento "se non queremos lamentar unha desgraza algún día".
As humidades e as filtracións son unha constante no centro hospitalario, que actualmente conta con dúas unidades de hospitalización, radioloxía e as consultas externas de dermatoloxía.