O TSXG avala a adscrición obrigatoria dos centros privados aos públicos para a súa supervisión
Os xuíces indican que o mantemento ou supresión da adscrición de colexios privados a institutos constitúe “unha opción lexítima para a organización da xestión académica, que entra dentro do terreo da conveniencia ou oportunidade máis que da legalidade"
A sección primeira da Sala do Contencioso-Administrativo do TSXG avala a resolución da Xunta que establece a adscrición dos centros privados aos públicos para os efectos de autorizar, tendo en conta os informes elaborados polos privados, os cambios de modalidade ou de itinerario do alumnado de Bacharelato. Os directores dos centros públicos dependentes da Administración autonómica tamén teñen a competencia para resolver sobre as solicitudes de anulacións de matrícula que lles envíen os centros privados que teñen adscritos. Desta forma, os institutos verifican que as decisións sexan “xustificadas, proporcionadas e adecuadas”.
Os maxistrados rexeitaron o recurso interposto pola Federación de Centros Educación e Xestión da Comunidade Autónoma de Galicia e a Federación Autonómica de Centros de Ensino Privado contra a resolución da Xunta, de maio de 2018, na que se indican as instrucións para o desenvolvemento, no curso académico 2018/19, da educación secundaria obrigatoria e do Bacharelato nos centros docentes de Galicia. O TSXG argumenta que a comunidade autónoma ten competencia para decidir sobre a adscrición administrativa dos centros privados aos públicos “porque non forma parte da normativa básica nin da que ten que ser competencia exclusiva do Estado”.
“Do mesmo xeito que a Comunidade de Madrid suprimiu a adscrición, Galicia pode mantela, porque entra dentro das súas competencias, e non é contrario a Dereito tal mantemento”, salienta o TSXG en referencia ao argumento da recorrente sobre que Madrid anulou en 2015 a supervisión aos centros privados.
Os xuíces indican que o mantemento ou supresión da adscrición de colexios privados a institutos constitúe “unha opción lexítima para a organización da xestión académica, que entra dentro do terreo da conveniencia ou oportunidade máis que da legalidade, e que non entraña unha incursión na parcela das facultades académicas que corresponde aos centros privados”.
O TSXG lembra na resolución que o ensino é “unha tarefa dos poderes públicos, pois non poden permanecer indiferentes ante a educación que se presta en todos os seus niveis, co fin de comprobar como son instruídas e socializadas as novas xeracións e cales son os mecanismos básicos de transmisión do coñecemento e dos valores, con obxecto de verificar que a educación que se presta cumpre a finalidade do pleno desenvolvemento da personalidade humana no respecto aos principios democráticos de convivencia e aos dereitos e liberdades fundamentais -artigo 27.2 da Constitución española-”. A Sala destaca que, con base na doutrina constitucional, os poderes públicos “non se poden atribuír un monopolio sobre o ensino”, pero os particulares “tampouco poden privar os poderes públicos do seu labor, tanto regulador como prestacional, na materia”