miércoles. 25.11.2026 |
El tiempo

"Camiños Sonoros" chega a Santiago co concerto dos embaixadores como Susana Seivane

"Camiños Sonoros" chega a Santiago co concerto dos embaixadores como Susana Seivane
"Camiños Sonoros" chega a Santiago co concerto dos embaixadores como Susana Seivane

Actuarán este domingo 2 de xuño na Praza de Cervantes nun recital único e gratuíto con piano, gaita e acordeón acompañados por xoves prodixios galegos


Camiños Sonoros, o ciclo musical promovido pola Consellería de Cultura e Turismo que está a percorrer diferentes localidades da Vía da Prata con concertos a cargo de alumnos de conservatorios galegos, chega mañá venres a Santiago de Compostela con diferentes actuacións musicais gratuítas.

Entre a programación, que conta coa dirección artística de Andrea González a través de Xuventudes Musicais, destaca a celebración dunha das accións máis destacadas deste ciclo musical: o Concerto dos Embaixadores a cargo dos músicos Abe Rábade, Susana Seivane e Víctor Prieto, todos eles con algunha vinculación con esta Ruta Xacobea.

Acompañados por algúns alumnos, actuarán o domingo a partir das 21,00 horas na Praza de Cervantes, onde realizarán unha vistosa presentación incorporando de maneira activa algúns elementos arquitectónicos da praza. Os tres músicos xúntanse nesta ocasión en exclusiva nun recital único e gratuíto, con piano, gaita e acordeón e un programa de temas tradicionais galegos, pezas de compositores brasileros como Jobim e Gismonti e mesmo composicións de aires flamencos como as que aparecen no último disco de Susana Seivane.

Ademais deste concerto, Santiago acollerá esta fin de semana outras catro citas musicais gratuítas máis dentro de Camiños Sonoros, neste caso a cargo de alumnos dos Conservatorios de Vigo e A Coruña.

O sábado, o concerto matinal será ás 12,00 horas, cun programa tamén protagonizado polo jazz a cargo dun dúo de piano e baixo. Na sesión da noite, o sábado ás 20,00 horas, os protagonistas serán dous pianos, cun programa clásico con obras de Ravel e Manuel de Falla. E o domingo, na sesión matinal das 12,00 horas escoitarase un programa clásico cun trío de oboe, clarinete e fagot e obras de Aurin, Tansman e Ibert,  nun concerto que contará coa presenza dun actor da Escola Superior de Arte Dramática de Galicia (ESADg) que aportará a súa interpretación a esta cita musical matinal.

XORNADA FORMATIVA NO CGAC

Camiños Sonoros ten tamén un destacado carácter formativo e durante todas estas semanas estanse realizando clases con actores para axudar ao alumnado a conectar mellor co público, buscando a profesionalización do sector. Con ese obxectivo tamén este domingo celebrarase unha xornada formativa no Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC) para todo o alumnado que participa neste ciclo, que supera o centenar. Nela recibirán clases sobre dramatización e tamén sobre dereitos do artista, habilidades de comunicación ou presenza nas redes sociais.

Tras o seu paso por Santiago de Compostela, Camiños Sonoros continuará coa súa programación ata o vindeiro mes de xullo, tempo no que atravesará diferentes emprazamentos de interese patrimonial na Vía da Prata como o Mosteiro de Carboeiro, o Mosteiro de Oseira, o Pazo de Liñares en Lalín ou o Pico Sacro, en Boqueixón, entre outras.

O ciclo componse dun total de 40 concertos, que se celebran durante as fins de semana de maio, xuño e xullo, forma parte da programación previa do Xacobeo 21 e inclúese no calendario do Plan Director do Camiño de Santiago, que en 2019 prioriza melloras e diferentes accións de dinamización cultural na Vía da Prata.

Comentarios
Lo más