Inversión de máis de 13 millóns de euros para os centros de benestar social de Galicia grazas ao superávit
Este plan de obras ten un dobre obxectivo, mellorar a comodidade e o benestar das persoas usuarias dos centros e incrementar a eficiencia enerxética dos edificios
O Consello da Xunta vén de analizar as actuacións previstas nos centros de benestar social dependestes da Comunidade Autónoma. Galicia investirá máis de 13,7M€ nun plan de obras que beneficiará a 34 centros dependentes de Consellería de Política Social favorecendo a arredor de 50.000 persoas usuarias das catro provincias.
Feijóo lembrou que estas actuacións levaranse a cabo grazas aos fondos procedentes do superávit destinados a Sanidade, Educación e aos servizos sociais públicos. E destacou que estas obras de reforma e modernización beneficiarán a persoas que empregan de forma habitual ou residen en residencias e centros de día, centros de atención a persoas con discapacidade, centros de menores e tamén en centros sociocomunitarios e residencias e albergues xuvenís.
Así mesmo, explicou que o plan de obras conta cun dobre obxectivo, mellorar a comodidade e o benestar de todas as persoas usuarias dos centros, e reducir os custes enerxéticos polas obras en fachadas, fiestras e outras actuacións.
34 centros nas catro provincias
Feijóo enumerou os 34 centros da Comunidade Autónoma que se verán beneficiados. Na provincia da Coruña, o centro de menores San José de Calasanz; o centro de menores de Ferrol; os centros sociocomunitarios da Coruña; o centro de discapacidade da Coruña; o centro de discapacidade Souto de Leixa, de Ferrol; no Cegadi, de Santiago; as residencias de maiores de Ferrol, Carballo e A Pobra; a residencia de maiores Torrente Ballester da Coruña; e a residencia de maiores Porta do Camiño, de Santiago.
Na provincia de Lugo, no centro de menores Santo Anxo da Garda de Rábade e no centro de discapacidade de Sarria; as residencias de maiores de Monforte de Lemos e Burela; o albergue xuvenil de Area, en Viveiro; e o campamento da Devesa, en Ribadeo.
Na provincia de Ourense, os centros de menores de Montefiz e A Carballeira; a renovación total da residencia de maiores de Castro Caldelas; a residencia da Nosa Señora dos Milagres, en Barbadás; a residencia xuvenil Florentino Cuevillas de Ourense; e a residencia de tempo libre do Carballiño.
E na provincia de Pontevedra, o presidente da Xunta salientou que se levarán a cabo dúas obras moi importantes, a do centro de menores Avelino Montero, en Pontevedra, e da residencia de maiores de Campolongo, tamén na cidade do Lérez. Ademais, o plan de obras tamén inclúe o centro sociocomunitario do Calvario, en Vigo; a residencia de tempo libre de Panxón; a residencia xuvenil Altamar, en Vigo; a residencia de maiores da Estrada; o centro ocupacional do Saiar, en Caldas de Reis; e, por último, o centro de discapacidade de Vigo.
Feijóo concluíu recordando que as obras nas 34 instalacións de benestar social finalizarán no ano 2020 e comezarán de forma inminente.