Bugallo: "Traballaremos xuntos por Compostela"
Respondía así a unha pregunta dos xornalistas sobre posibles alianzas de goberno; durante o xantar da Ascensión no que estivo acompañado de Gonzalo Caballero, Valentín González Formoso e Xaquín Fernández Leiceaga
Xosé Sánchez Bugallo; o secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero; o secretario provincial do partido, Valentín González Formoso; e o portavoz socialista no parlamento galego, Xaquín Fernández Leicega reuníronse onte en Santiago con motivo das festas da Ascensión. Acompañados de membros da candidatura, e de responsables da executiva local socialista, deron un paseo pola feira e xantaron nas tradicionais casetas de polbo.
A preguntas dos xornalistas sobre posibles alianzas de goberno, Sánchez Bugallo sinalou, en ton de broma, que sería a oportunidade de facer “non a gran coalición, se non a total coalición, porque estaremos todos alí, PP, BNG, Compostela Aberta”, na caseta, comendo o polbo. “Hoxe é un día de convivir, de gozar”. Engade Sánchez Bugallo que saudarémonos todos amablemente, pero o importante é que o bon clima de hoxe continúe nos días seguintes. E que aparte de celebrar xuntos as festas, sexamos capaces de traballar xuntos por Compostela, e pornos de acordo en definir cales son as necesidades fundamentais da cidade, e entre todos sirvamos aos veciños” de Santiago. Oxalá sexa certo, pero tampouco espero que todo iso se resolva hoxe comendo o polbo na Ascensión”.
En declaracións aos medios, Gonzalo Caballero afirmou que os socialistas están “perplexos co que lle está pasando a Feijoo. Un Feijoo que se adicou a dicir toda a campaña electoral que xa estaban centrados”. Engade que, en función de si lle dan as contas, di unha cousa ou outra. Recorda que subscribiu o pacto con Vox en Andalucía e que agora “fai guiños coa ultradereita un día, e outro día co centro, porque sabe que o seu tempo político chegou ao seu fin”. Explica o secretario xeral do PSdeG que “o que deixou de gobernar Galicia nesta lexislatura pasou dous anos xogando coa súa escalada a Madrid, outro ano xogando co que ía facer en Galicia, e xa na fase de retroceso quédalle un ano no que se ten que centrar para gobernar”.
Para Gonzalo Caballero, a credibilidade do presidente da Xunta cando fala da posición do PP é nula, porque “se adapta ás circunstancias, e onde un día dí unha cousa, outro día di outra. “En Galicia intenta mostrar un postureo que non é crible”. Di o dirixente do PSdeG, que ten que ser claro e dicirlle ao PP que non pode aceptar ningún goberno en España cunha forza de ultradereita.
Sinala Caballero que a ultradereita vai ser un elemento presente ao longo do próximo tempo político, porque os pactos de gobernabilidade en distintos lugares do Estado dependen do que vai facer o PP e Vox, especialmente na cidade de Madrid e nesa comunidade autónoma. Os socialistas piden ao PP que “se modere, que entenda a importancia do centro político, que Feijoo se adecúe á posición política de Valls e rexeite ao PP e a Casado. Que o faga de xeito crible, impondo un criterio de ruptura coa ultradereita, e non xogando cos intereses, un día e outro”.
A segunda cuestión enumerada por Caballero, é a perda de maioría absoluta de Manuel Baltar na Deputación de Ourense, que cualificou de fito histórico. “Hai unha opción de cambio, hai unha posibilidade de futuro en Ourense. A deputación de Ourense representa o maior caso de nepotismo, caciquismo, sentenciado xudicialmente contra Baltar pai antes de que tivera que abandoar esa deputación”. Agora, continúa, todas as forzas políticas, especialmente Ciudadanos, teñen enriba de si unha responsabilidade social coa Galicia do futuro, coa democracia que queremos, que só se pode concretar cun rexeitamento claro da etapa dos Baltar” Para Gonzalo Caballero “hai que pasar páxina, e construír unha deputación aberta, próspera, limpa e con rexeneración democrática”.
A continuación, referiuse “á magnífica candidatura de Sánchez Bugallo. Un alcalde que foi referencia durante moitos anos das mellores políticas municipais en Galicia e en España, e que volverá ser a referencia da política municipal que necesitamos para a capital de Galicia”.