Un operario resultou ferido de gravidade ao incendiarse o camión co que traballaba en Pontevedra
Ata o lugar desprazáronse ademais dos servizos sanitarios de urxencia, os Bombeiros de Pontevedra e os axentes da Policía Nacional e Local
Un operario resultou ferido con queimaduras despois de incendiarse o camión co que traballaba. Debido á importancia das lesións ocasionadas, o home foi evacuado polo persoal sanitario ao Hospital Juan Canalejo da Coruña, no helicóptero medicalizado con base en Santiago de Compostela.
Segundo informaron os alertantes que chamaron ao 112 Galicia para pedir axuda, ao fío das 20:00 horas de onte, tratouse dun camión-cisterna que comezou a arder na explanada dunha empresa situada en Marcón, Pontevedra.
Ata o lugar desprazáronse ademais dos servizos sanitarios de urxencia, os Bombeiros de Pontevedra e os axentes da Policía Nacional e Local. Tamén, os efectivos de Protección Civil da localidade foron informados polo 112 Galicia.
Polo momento descoñécense as causas que provocaron o incendio do camión.