Ferida de gravidade unha persoa despois de colidir dous camións en Padrón
Debido á gravidade das lesións, unha vez liberado, o home foi trasladado no helicóptero medicalizado do 061-Urxencias Sanitarias ao centro hospitalario de referencia
Unha colisión por alcance entre dous camións, unha cisterna e un camión de obra, deixou esta mañá unha persoa ferida de consideración no concello coruñés de Padrón.
No momento de producirse o accidente, ao fío das 09:00 horas, os vehículos circulaban pola N-550, á altura do punto quilométrico 80, en Iria Flavia. Foi a esa hora, cando unha persoa particular alertaba ao 112 Galicia dun choque entre un camión cisterna –cargado de augardente- e outro mais pequeno –de transporte-. Afortunadamente, non houbo fuga na carga da cisterna, aínda que, segundo o alertante o camión pequeno quedou incrustado na cisterna.
Iso si, foi necesaria a intervención dos Bombeiros de Boiro para liberar ao condutor do interior do camión pequeno. Debido á gravidade das lesións, unha vez liberado, o home foi trasladado no helicóptero medicalizado do 061-Urxencias Sanitarias ao centro hospitalario de referencia.
Ata o lugar, desprazáronse nada mais ser alertados polo 112 Galicia, os servizos sanitarios de urxencia, os Bombeiros de Boiro, os axentes da Garda Civil de Tráfico, da Policía Local e os membros do GES da localidade. Tamén, os efectivos do Servizo Municipal de Protección Civil de Padrón prestaron a súa colaboración.