O CPI Cernadas de Castro de Lousame celebra este venres o seu IV Mercado Tradicional
O IVI Mercado Tradicional incluirá stands onde os nenos e nenas poderán ver o traballo en directo de distintos artesáns
O CPI Cernadas de Castro de Lousame organiza este venres 31 de maio o seu IV Mercado Tradicional, unha iniciativa coa que busca achegar os oficios artesanais de sempre ao alumnado ao tempo que poñen en valor a tradición e a riqueza cultural do municipio e da comarca. Un mercado aberto a toda a veciñanza, que se pode achegar polo patio do colexio entre as 10:45 e as 13:00 horas.
O IVI Mercado Tradicional incluirá stands onde os nenos e nenas poderán ver o traballo en directo de distintos artesáns: carpinteiro, filloeira, ferreiro, rosquilleira, cesteiro, canteiro, tecelá, palilleiras, apicultora, labores... Así como stands referentes ao museo das minas de San Finx, da asociación A Creba, do Museo do Mar de Noia...
Paralelamente, no patio recuperaranse xogos tradicionais e haberá baile, unha representación dos maios e unha malla. A concelleira de Ensino en funcións, Silvia Agrafojo, e o tenente de alcaldesa de Lousame, Ramón Martínez, visitarán este mercado tradicional canda a directora do CPI Cernadas de Castro, Pilar Cobas.