miércoles. 25.11.2026 |
El tiempo

O Paseo Marítimo de Palmeira será rebautizado como Plácido Betanzos

O Paseo Marítimo de Palmeira será rebautizado como Plácido Betanzos
O Paseo Marítimo de Palmeira será rebautizado como Plácido Betanzos

Plácido Betanzos García naceu en Palmeira o 20 de agosto de 1952 e ao longo da súa vida (que se prolongou ata o pasado xuño de 2018) desempeñou un intenso labor nos eidos educativo, literario e político

O Concello de Ribeira informa de o domingo 2 de xuño terá lugar o acto institucional de nomeamento do Paseo Marítimo de Palmeira ‘Plácido Betanzos’ en cumprimento ao acordo tomado polo pleno da Corporación no pleno do 25 febreiro de 2019.

Plácido Betanzos García naceu en Palmeira o 20 de agosto de 1952 e ao longo da súa vida (que se prolongou ata o pasado xuño de 2018) desempeñou un intenso labor nos eidos educativo, literario e político co que seu gañou o afecto e admiración dos seus conveciños.

O evento, que dará inicio ás 12.30 horas na zona do parque infantil, contará coa actuación do grupo de música tradicional Andavía e lecturas de extractos de cada un dos libros publicados polo homenaxeado a cargo de Pura Villar, Xesús Laíño e Antonio Piñeiro. Antes do descubrimento do panel de homenaxe a Plácido, o acto contará coas intervencións de Carmen García, voceira da Comisión de Homenaxe a Plácido Betanzos; a súa filla Sofía Betanzos e o alcalde Manuel Ruiz.

Traxectoria

Plácido Betanzos García nace en Palmeira o 20 de agosto de 1952. Foi un profesor que impartiu clases no Instituto Social da Marina, no Instituto da Sangriña da Guarda, no CIFP Coroso e no IES Leliadoura de Ribeira.

Como escritor gañou o primeiro premio do certame Valle-Inclán da Pobra do Caramiñal co relato “Santiago García, o Laverco” e o primeiro premio de relatos na emigración coa obra “Fendas”. Colaborador habitual de “La Voz de Galicia”, “Sermos Galiza” e da revista “Terro e Tempo” ademais de socio de Barbantia colaborando en varias publicacións colectivas editadas por esta entidade.

Publicou “Couteladas na alma” en 2009 (ed. EraDixital), baseada na emigración da Barbanza nos primeiros anos do século XX en Nova York. “Paravea no ingerno” en 2011 (ed. Fervenza), novela curta que fala de personaxes e espazos galegos identificados co mundo do mar e a ría de Arousa e a dureza das condicións de vida dos mariñeiros e as súas familias nun tempo indefinido que é pasado pero tamén presente ao falar de miseria e loita. A súa última publicación foi “Bágoas na chuvia” en 2016 (ed. Fervenza), onde fala da violencia machista e o sufrimento das mulleres que padecen esta lacra que compre erradicar o antes posible da nosa sociedade, unha novela dura, triste, realista e esperanzadora onde Plácido foi un canto pola denuncia contra o maltrato, a liberdade e a igualdade das mulleres.

Desenvolveu unha gran militancia política no Bloque Nacionalista Galego, voceiro deste grupo municipal no Concello de Riveira entre os anos 1992 e 2002 e candidato á alcaldía nos anos 1995 e 1999. De firmes principios nacionalistas, defensor da cultura, a historia, o idioma do País destacou por un práctico e respectuoso xeito de facer política, combativo nos plenos e cordial fóra deles gañándose o cariño e admiración das compañeiras e compañeiros de diversas ideoloxías.

Comentarios
Lo más