A Audiencia de Pontevedra absolve a un acusado de traficar con droga
“Non consta que as substancias estivesen predestinadas á súa transmisión a terceiras persoas”, indica o tribunal na sentenza
A sección segunda da Audiencia Provincial de Pontevedra absolveu a un home que foi interceptado en maio de 2017 pola Policía Nacional no Bao cando portaba heroína e cocaína.
“Non consta que as substancias estivesen predestinadas á súa transmisión a terceiras persoas”, indica o tribunal na sentenza, na que destaca que o sospeitoso acreditou que era consumidor de drogas e que dispoñía de cartos para a súa adquisición.
A Audiencia sinala que a proba na que se baseou a acusación foi a presunta manifestación do imputado a un axente de policía, quen sostén que lle dixo que as substancias eran para vender. “Tales manifestacións foron negadas polo acusado no xuízo, engadindo que tería que ser parvo para dicirlle iso.
Con todas as circunstancias referidas, non podemos descartar unha confusión ou equivocación no receptor ou no emisor das manifestacións”, salientan os xuíces.