Ramón Tojo: “Repetir maioría absoluta é unha responsabilidade e seguiremos gobernando para todos os veciños de Rois”
O Partido Popular supera en medio punto a porcentaxe de votos obtidos hai catro anos ata acadar un 55,80% de apoio
Ramón Tojo Lens amosou a súa satisfacción polos resultados que conseguiu o Partido Popular de Rois, que foi quen de revalidar a maioría absoluta co mesmo numero de escanos na Corporación (7 de 11 concelleiros), incrementando medio punto a porcentaxe de apoio da veciñanza (55,80% fronte ao 55,16% de hai catro anos) e mantendo o mesmo número de votos 1.603, segundo datos do Miniterio do Interior.
“Estamos moi satisfeitos co resultados das municipais”, sinalou Ramón Tojo, para quen a veciñanza “soubo recoñecer o compromiso, a seriedade e o traballo desenvolvido por o equipo de goberno do PP durante estes catro anos”.
Para Ramón Tojo, os resultados de Rois “son inmellorables para o Partido Popular, tendo en conta todo o que está acontecer en outros concellos, tanto a comarca, como de Galicia ou de España”.
Tojo Lens destacou a alta participación nas municipais en Rois (un 74,14%), e asegura que “volver repetir maioría absoluta supón para nós unha gran responsabilidade para estas catro anos que agora comezan, unha lexislatura na que seguiremos gobernando para todos os veciños e veciñas de Rois, para mellorar a súa calidade de vida e para facer do noso municipio un lugar para vivir”.