O Museo Casa de la Troya pon en marcha o proxecto “La Casa de la Troya nas escolas de Santiago de Compostela”
Preto de 3.000 escolares de 5º e 6º de Primaria de Santiago, Oroso, Teo e Ames achegaranse á historia da cidade a través do conto infantil “O gato verde de La Casa de la Troya”
O Museo Casa de la Troya acaba de poñer en marcha o proxecto La Casa de la Troya nas escolas de Santiago de Compostela. Este ano celébrase o 40º aniversario da Asociación de Antiguos Tunos Compostelanos, entidade que xestiona o museo, e esta é unha das principais propostas que se van desenvolver ao longo deste ano.
Esta iniciativa arranca coa publicación, xunto a Auga Editora, do conto infantil ilustrado O gato verde de La Casa de la Troya, que se entregará ao longo desta semana ao alumnado de 5º e 6º de Primaria dos centros da cidade e da comarca, en particular colexios de Teo, Oroso e Ames. Vanse distribuír un total de 3.000 contos. Así mesmo, como proxecto piloto, dous colexios composteláns, o CEIP Monte dos Postes e Compañía de María, realizarán gratuítamente sendas visitas guiadas ao Museo. A idea é desenvolvelo con máis centros o vindeiro curso.
O conto ten como protagonista a un gato verde chamado Aquiles, que percorre a pensión de dona Generosa na actualidade e no pasado. Grazas a estas viaxes no tempo, o escritor Pérez Lugín descobre como cen anos despois de publicada a súa obra, esta é famosa no mundo enteiro, tivo centos de edicións e reimpresións, foi levada ao teatro e ao cine e foi fonte de inspiración para pintores e outros artistas. O relato, escrito por Xosé A. Perozo, está ilustrado por Antonio Seijas.
La Casa de la Troya é un museo romántico, situado na rúa que lle dá nome, onde se recrea a pensión de estudantes e a vida universitaria de Santiago de Compostela a finais do século XIX. O edificio foi inmortalizado por Alejandro Pérez Lugín na novela do mesmo nome, levada ao cine en cinco ocasións, adaptada para o teatro, traducida a outros idiomas e impresa en centos de edicións durante máis de cen anos.
Unha guía didáctica para coñecer a Compostela de finais do século XIX
Xunto ao conto edítase tamén unha guía didáctica complementaria dirixida ao profesorado, co fin de que poidan desenvolver nas aulas as actividades propostas nela, ao tempo que se achega información que favorecerá un maior coñecemento do museo por parte dos nenos e nenas de Compostela e da súa contorna. Nestes materiais afóndase na influencia e a vinculación con Santiago de persoas senlleiras no tempo da novela La Casa de la Troya de Alejandro Pérez Lugín e sobre as que hai referencias na mesma como Rosalía de Castro, Curros Enríquez, Montero Ríos, Labarta Posse ou Chané. E tamén se aborda como era o espazo xeográfico e as actividades económicas do Santiago da época.
Este proxecto tratará de achegar aos rapaces de xeito ameno a cultura e a historia do Santiago de finais do século XIX e comezos do XX. Así, amósase como era a vida social naquela época e a importancia que tiña a Universidade, ademais de difundir as tradicións populares e a actividade musical daquela Compostela.
Cada colexio recibirá ademais dous exemplares da novela La Casa de la Troya e dous do CD “Viva Galicia. A música no tempo de La Troya”, gravado polo grupo “Troyanos de Compostela” baixo a dirección de Fernando Reyes Ferrón. Contén pezas de autores galegos mencionados na novela de Pérez Lugín como Rosalía de Castro, Chané, Marcial del Adalid ou Canuto Berea; e outros do seu tempo como Curros ou vencellados a ela como Castelao. Tamén se inclúen foliadas e outras pezas populares.