Comeza a funcionar a nova sala de videovixilancia da Policía Local de Ames
O Concello de Ames estivo traballando na mellora da seguridade do parque empresarial Novo Milladoiro e da urbanización de Aldea Nova a través dun novo sistema de videovixilancia
O Concello de Ames estivo traballando na mellora da seguridade do parque empresarial Novo Milladoiro e da urbanización de Aldea Nova a través dun novo sistema de videovixilancia. En decembro de 2016 instaláronse tres cámaras de videovixilancia nos tres puntos de acceso a dito parque empresarial (rúa das Oliveiras, rúa das Hedras e rúa das Palmeiras).
Ademais, agora vén de colocarse unha cuarta cámara de videovixilancia na entrada da urbanización de Aldea Nova, tal e como fora acordado na Xunta Local de Seguridade hai algo máis dun ano. A nova sala de videovixilancia estará ubicada nas dependencias da Policía Local de Ames e serán os propios axentes quen realicen o seguimento de ditas cámaras desde unha aplicación que se habilitou nas oficinas da rúa Alcalde Lorenzo. O obxectivo é mellorar a convivencia cidadá e a prevención de delitos relacionados coa seguridade pública.
Co obxectivo de mellorar a seguridade no parque empresarial Novo Milladoiro colocáronse tres cámaras de videovixilancia que están situadas nos accesos da área industrial como son a rúa das Oliveiras, a rúa das Hedras e maila rúa das Palmeiras. Estas cámaras xa levan funcionando dende o pasado mes de decembro de 2016.
A colocación destes dispositivos, que foron financiados a través dunha axuda da Consellería de Industria da Xunta de Galicia, contaron coa aprobación da Comisión de Garantías para a Videovixilancia e reduciron o número de roubos que se tiñan producido nos meses previos á instalación de ditas cámaras. Agora, vén de colocarse unha cuarta cámara de videovixilancia na rúa de Costaneira, principal punto de acceso á urbanización de Aldea Nova.
Ao final de 2017 e comezos de 2018, período no que se produciron numerosos roubos e intentos de roubos na urbanización de Aldea Nova, o alcalde e mailo concelleiro de Tráfico, xunto cos mandos da Policía local e da Guarda Civil, mantiveron unha xuntanza coa directiva da urbanización de cara a explicar o proceder nestes casos e trasladar a información correspondente. En dita reunión, os veciños/as solicitaron a posibilidade de instalar cámaras na urbanización co obxectivo de poder ampliar a seguridade da zona.
Desde o Concello realizouse unha memoria e solicitude á Comisión de Garantías para a videovixilancia e por medio da Subdelegación de Goberno, resultando autorizada a instalación de cámaras de videovixilancia ante a existencia de edificios municipais como son o Centro de usos múltiples e o Centro de formación e emprego, con material importante. Tras dita autorización o Concello acaba de instalar dita cámara e mellorar o servizo de videovixilancia a través dunha aplicación e novo sistema de seguimento que será controlado polos axentes da Policía Local dende unha aplicación instalada nas oficinas municipais da rúa Alcalde Lorenzo.
O obxectivo desta iniciativa é incrementar a seguridade neste lugares. As imaxes serán almacenadas nun RAC do departamento municipal de informática e só poderán acceder a estas os axentes da Policía Local. O fin único e exclusivo da colocación destes dispositivos é previr posibles delitos dentro de dito parque empresarial e na urbanización de Aldea Nova.
No caso doutras urbanizacións o goberno tamén realizou a solicitude fronte á Subdelegación e despois da última Xunta Local de Seguridade, aínda que nesta ocasión xa se advertiu da imposibilidade de colocación de ditas cámaras, por un lado debido ás múltiples entradas e saídas que dificultan a videovixilancia, e por outro ante a inexistencia de edificios de titularidade municipal aos que dar servizo.
A colocación das tres cámaras instaladas no parque empresarial Novo Milladoiro foi sufragada nun 80% a través dunha axuda concedida pola Consellería de Industria. Así, a Xunta de Galicia realizou unha achega de 22.000 euros, mentres que o Concello puxo o 20% restante. A cámara instalada na entrada de Aldea Nova tivo un custo de 2.530 euros, financiados con fondos propios municipais. En total, nas catro cámaras, investíronse preto de 25.000 euros.