A Asociación Área Empresarial do Tambre acolle a exposición “Agua de cielo” da fotógrafa María Porta
“Trátase dunha pequena selección de instantes de vida contemplados con embobada fascinación a través o en compañía de auga caída do ceo”
A Asociación Área Empresarial do Tambre (AAET) inaugurará hoxe luns, día 27 de maio, a exposición de pintura “Agua de cielo” da fotógrafa coruñesa María Porta. O acto celebrarase ás 20:00 horas no Centro Empresarial do Tambre, e contará coa presenza da artista e o fotógrafo e actor Xoán Diéguez, que copresentará o evento co comisario da exposición e membro da xunta directiva da asociación empresarial Manuel Nieto. A exposición estará aberta ao público ata o vindeiro 21 de xuño.
A exposición está composta por trece fotografías, todas impresas en lenzo de algodón de tamaño 80cm x 53cm. Ademais, a mostra complétase con outras dez fotografías de tema mariño. “Trátase dunha pequena selección de instantes de vida contemplados con embobada fascinación a través o en compañía de auga caída do ceo” –explica.
María Porta sinala que as instantáneas que se recollen mostran gotas de chuvia “firmemente aferradas a un cristal ou xa rendidas e desborralladas, deslizándose serpeantes en forma de minúsculos torrentes que acaban fundíndose sobre o transparente regazo”. Tamén hai imaxes lacrimosas, a punto de precipitarse do extremo do que penden, ou endurecidas e vestidas de branco, en forma de saraiba.
A atracción de María Porta pola chuvia e os seus efectos visuais ven de ter nacido con ela, de vivir e considerala parte de ela mesma e do seu carácter. “En certos casos, a auga do ceo potencia o brillo e o colorido da vida, e noutros tingue a vida desa plúmbea melancolía que aporta unha disposición e un estado de ánimo especial para a creación” –apunta.
PAIXÓN POLA ESCRITURA
Ademais da fotografía, María Porta tamén escribe e en xaneiro deste ano publicou o seu libro, “Cuentos infantiles para adultos”, que é unha recompilación de once relatos breves contados con frescura, humor e desenfado. Tras unha aparencia sinxela, inxenua e –en algún caso– practicamente infantil subxacen os grandes temas que moven ao ser humano en todos os sentidos: amor, odio, amizade, compaixón, xenerosidade, mesquindade… “O libro non deixa de ser unha breve posta en escena da miña frase preferida: Nada humano me é alleo”, engade.
Seguindo coa súa necesidade de compartir o que leva dentro por medio da escritura, esta exposición está acompañada por un fermoso libriño a modo de catálogo, no que xunto a cada foto conta a súa historia ou o que a moveu a facela ou escollela.
María Porta naceu en Monte Alto (A Coruña) fai unhas décadas. Sempre lle gustou ir ao revés do mundo e nadar contra corrente, por iso é de ciencias por formación –Bacharelato e CC Económica– e de letras e humanidades por devoción e profesión –estudos de pintura, restauración, fotografía e idiomas varios.
Nun principio foi docente nun centro de ensinanza, pero desde hai máis de vinte anos traballa como tradutora no sector audiovisual. É responsable da tradución de infinidade de series, películas e documentais tanto para a Televisión de Galicia como para as distintas cadeas nacionais e internacionais, así como das webs e información publicitaria de diversas empresas.
A súa afección pola fotografía ven de moi lonxe, pero ata hai pouco tempo que mostra a súa obra ao público. Describe a súa fotografía como “transgresora” e non do gusto de todos os fotógrafos “clásicos”, pero ela goza facendo súas as fotografías que caza a cámara, gozando da súa creatividade. “Utilizo as posibilidades que me ofrece a técnica moderna, como o pintor utiliza os novos materiais acrílicos ou o escultor as ferramentas mecánicas. Todo vale mentres o resultado sexa arte, cousa que non sempre se consegue” –considera–.