miércoles. 25.11.2026 |
El tiempo

Gran éxito da V Andaina Terras de Altamira con máis de medio milleiro de participantes

Gran éxito da V Andaina Terras de Altamira con máis de medio milleiro de participantes
Gran éxito da V Andaina Terras de Altamira con máis de medio milleiro de participantes

A proba está organizada por O Esquío no Piñeiro e o Concello de Brión, en colaboración coa Federación Galega de Montañismo e Be One Fitness & Sport

A V Andaina Terras de Altamira vén de bater onte todos os seus récords de participación. Un total de 511 persoas tomaron a saída ás 9:00 horas de onte sábado dende a carballeira de Santa Minia para percorreren 14, 36 ou 50 quilómetros polos montes brioneses, segundo a súa vontade e as súas capacidades físicas. Unha proba organizada pola asociación O Esquío no Piñeiro e o Concello de Brión, en colaboración coa Federación Galega de Montañismo e Be One Fitness & Sport.

O alcalde, José Luís García, e o director da V Andaina Terras de Altamirá, José Manuel Trigo, foron os encargados de dar a saída aos participantes, chegados de todas partes de Galicia, así como un nutrido grupo de Portugal. O tempo acompañou, o que permitiu aumentar en 108 persoas o número de participantes con respecto ao ano pasado e quintuplicar a participación rexistrada na primeira edición.

José Manuel Trigo amosa a súa satisfacción polo récord de participación acadado hoxe xa que “é a demostración de que as persoas participantes valoran moito a calidade da ruta e o traballo que facemos dende a organización, ademais dunha completa bolsa do sendeirista que este ano inclúe mochila, camiseta técnica, pulseira reflectante e varios agasallos cortesía dos nosos patrocinadores”. Así mesmo, destacou a importancia da participación de xente de toda a xeografía galega e mesmo de Portugal xa que “un dos obxectivos da andaina é fomentar un maior aprecio e respecto polo medio ambiente, baseado no coñecemento nas contornas naturais e as paisaxes que nos ofrece o concello de Brión”.

De feito, os 50 quilómetros polos que transcorre a proba foron preparados e recuperados expresamente para ela “ao tratárense de antigos camiños en desuso que servían de paso de carros ou de comunicación a pé entre as distintas aldeas e que co tempo foron quedando abandonados trala aparición das estradas e os vehículos a motor. Poderemos un ano mais albiscar fervenzas, pasear entre castelos, importantes igrexas, maxestosas carballeiras, senlleiras aldeas e unha morea mais de puntos de interese que non deixarán indiferente a ningún participante”, explica José Manuel Trigo.

PROBA

Conscientes do gran número de participantes inscritos, a organización habilitou varios aparcamentos gratuítos na contorna da carballeira de Santa Minia que, un ano máis, será o epicentro da proba xa que os tres rutas que se farán teñen inicio e meta nela. A primeira ruta, pese a ser a máis curta, é tamén a máis dura, cunha dificultade media para os seus 14 quilómetros. Ás 13:00 horas farase o segundo anel, de 22 quilómetros e dificultade fácil. Finalmente, ás 17:30 horas está prevista a saída da última ruta, tamén de 14 quilómetros e dificultade fácil. A proba está previsto que remate en torno ás 21:00 horas.

A organización ten organizados ata 8 puntos de avituallamento de líquidos, froita e sólidos ao longo do percorrido, así como 2 puntos de control en cada ruta, xa que os que completen os 50 quilómetros conseguirán 1 punto para a Copa Galega de Andainas de 50 km, organizada pola Federación Galega de Montañismo.

A VI Andaina Terras de Altamira conta coa colaboración de Galitiming, Ambulancias Nordés, Feiraco, Comercial Bastavales, Barbatana servizos deportivos e culturais, Abofé, Artes Gráficas Alonso, Centro Dental Macía, Mahou-San Miguel, Correduría de Seguros M Maroñas, Clínica Dental Lindo Dente, Supermercados Froiz, Grado Zero Enerxía. Novoneón Rótulos, Talleres Santiago, Brión Motor, Avogados Adrián García, Arines obras e proxectos, Gestenic laboratorio de control de calidade, Construcións Mecano, Ufatec, Hyupersa Santiago, Estancos A Cava da Senra  e Bastavales, Vermú Petroni, Vagalume pellets de madeira, Bulevip, Inmobiliaria Farina, Physiorelax e Just.

Comentarios
Lo más