O Gaiás inicia o concurso para adxudicar un servizo de restauración na cantina
A ampliación obedece á necesidade de atender o incremento de traballadores na Cidade da Cultura, máis de 600 persoas, así como a afluencia de visitantes, participantes nas actividades e eventos e usuarios
A Fundación Cidade da Cultura vén de convocar o concurso para adxudicar a explotación do servizo de restauración do complexo do Gaiás, que suma aos espazos actualmente en funcionamento (A Cantina do Gaiás e a cafetería O Roupeiro –no edificio CINC–) un novo restaurante-cafetería no Museo e unha terraza no Bosque de Galicia.
A ampliación obedece á necesidade de atender o incremento de traballadores na Cidade da Cultura, máis de 600 persoas, así como a afluencia de visitantes, participantes nas actividades e eventos e usuarios dos servizos públicos localizados no Gaiás.
As empresas interesadas deberán presentar unha proposta técnica e gastronómica que dea resposta aos diferentes perfís de persoas presentes na Cidade da Cultura, desde turistas interesados na gastronomía galega até os traballadores que acoden cada día ao seu posto.
Ademais da observación das normativas e do cumprimento dos estándares de profesionalidade, o concurso subliña a importancia de atender a criterios de alimentación saudable, a base de produtos de proximidade, e de promoción da gastronomía de Galicia. Do mesmo xeito, fixa límites nos prezos para ofrecer opcións gastronómicas accesibles, acorde coa natureza dunha institución concibida para o uso do conxunto da cidadanía.