A Policía Local de Vigo intervén nunha pelexa multitudinaria no hospital Álvaro Cunqueiro
O persoal de seguridade manifestou que non presentaría denuncia e o conflito deuse por resolvido
Varias unidades da Policía Local de Vigo acudiron á primeira hora da noite do xoves ao hospital Álvaro Cunqueiro por mor dunha pelexa multitudinaria como consecuencia dunha discusión entre varias persoas e os vixiantes de seguridade do centro, informaron fontes oficiais.
A pelexa xurdiu cando un veciño de Vigo, ao que se lle incautou un bastón coa parte inferior reforzada, co que ameazou aos implicados na discusión, acompañado de dúas mulleres, unha de Vigo e a outra de Ferrol, encaráronse cun veciño de Ponteareas de orixe alxerina.
Este último, segundo a Policía, portaba un cable de aceiro cunha peza metálica compacta nun dos extremos, o que levou a intervir ao persoal de seguridade do hospital, o cal se viu ameazado polos implicados na refrega.
O persoal de seguridade manifestou que non presentaría denuncia e o conflito deuse por resolvido.
Os axentes procederon a requisar as armas e a formalizar senllas denuncias na Subdelegación do Goberno contra quen portaba os instrumentos intimidatorios, o que lles podería carrexar unha multa de 600 euros a cada un.