O Partido Popular mantivo un en encontro con 300 representantes civís de Santiago
Para Hernández, “hai xa moitos lustros que os Gobernos municipais de Santiago abandonaron calquera aspiración de organizar eficaz e eficientemente a súa propia estrutura, por iso, agora, é o momento de subscribir acordos como o asinado polo Foro Cívico”
O candidato e presidente do Partido Popular de Santiago, Agustín Hernández, celebrou onte un almorzo no que estivo acompañado polo presidente do Partido Popular de Galicia, Alberto Núñez Feijoo, e por máis de 300 representantes da sociedade civil de Santiago.
Nun acto, que contou cunha asistencia que superou todas as expectativas, Hernández asegurou que, de conseguir a alcaldía o vindeiro domingo, 26 de maio, buscará ser “un alcalde cun Goberno municipal que lidere sen sectarismo, que planifique desde o consenso e a visión a longo prazo, que abandone a súa militancia política activa para mergullarse na defensa do proxecto local, que capitanee un equipo de persoas preparadas e comprometidas, que saiba atopar acordos, que non se deteña no anecdótico ou que non busque culpables externos para xustificar a súa incapacidade de liderar un proxecto”.
Para Agustín Hernández o encontro de onte ten moito significado, porque “é unha magnífica oportunidade de detallar as nosas liñas básicas programáticas ante a sociedade civil de Santiago, ante os que coas súas iniciativas son axentes imprescindibles para que a capital de Galicia recupere o pulso e o lugar que, sen dúbida, perdeu”.
“Teño seguro que o Concello ten que ser o catalizador e o socio imprescindible que apoie, facilite e resolva. Nunca pode ser o obstáculo”, subliñou.
O candidato Popular remarcou que, “tras de 11 meses de xestión municipal intensa, honesta e catro anos de traballo de oposición, considero humildemente que teño adquirido un nivel de coñecemento da realidade municipal, que me permite diagnosticar o punto de partida da Administración que pretendo dirixir”.
LUSTROS DE ABANDONO
Para Hernández, hai xa moitos lustros que os Gobernos municipais de Santiago abandonaron calquera aspiración de organizar eficaz e eficientemente a súa propia estrutura, por iso, agora, é o momento de subscribir acordos como o asinado polo Foro Cívico, onde se inclúen propostas de consenso para a vindeira corporación, como a reorganización, actualización e impulso da Administración Municipal en todos os seus ámbitos.
“Creo así mesmo que o meu equipo e eu mesmo estamos preparados e seremos capaces de liderar dito cambio. Temos moitas propostas, pero hai dúas que deben constituír o primeiro e inaprazable reto da nova corporación; acadar unha administración municipal áxil, moderna e eficiente,unha Administración municipal propia do século XXI e, en segundo lugar, a confección, desde o consenso e a participación real, dun Plan Estratéxico para Santiago”, remarcou.
Agustín Hernández incidiu en que son moitas as propostas que recolle o programa electoral do PP de Santiago pero, sen dúbida, “avanzar os dous retos que acabo de enunciar son a peza clave para que Santiago se converta na capital que queremos”.
Trátase de medidas realistas e responsables, resultado dun traballo en equipo e serán a guía para os vindeiros anos, posto que “somos conscientes de que a política, nestes momentos, non se guía polos criterios da solvencia, o rigor e a competencia, senón que na decisión do voto, operan moitas outras circunstancias, unha diversidade de impulsos persoais, que non teñen en conta que das eleccións do vindeiro domingo sairán os xestores e os responsables da nosa administración máis próxima.
“A pesar desa realidade, nós non entendemos a política doutra forma que, desde o rigor, o compromiso e a competencia e, por iso, temos confeccionado as propostas que conforman o noso contrato capital cos veciños de Santiago, remarcou.