miércoles. 25.11.2026 |
El tiempo

A Unidade de Epilepsia Refractaria do CHUS realizou 434 intervencións cirúrxicas

A Unidade de Epilepsia Refractaria do CHUS realizou 434 intervencións cirúrxicas
A Unidade de Epilepsia Refractaria do CHUS realizou 434 intervencións cirúrxicas

A epilepsia é unha das enfermidades neurolóxicas máis frecuentes, afecta ao 1% da poboación

Onte celebrouse O Día Nacional da Epilepsia e a xerencia sanitaria compostelá súmase á súa conmemoración. Onte o Hospital Clínico de Santiago acolleu unha mesa informativa de UGADE (Unión Galega de Epilepsia) para informar desta patoloxía aos doentes e visitantes que acoden ao centro. Ao mediodía a Xerencia Sanitaria compostelá organizou conxuntamente con UGADE a xornada Calidade de vida do paciente epiléptico. 

Actualización en cirurxía da epilepsia, que foi inaugurada pola xerente da área sanitaria compostelá, Eloína Núñez, acompañada polo xefe do servizo de Neuroloxía, José María Prieto, o responsable da Unidade de Epilepsia Refractaria do CHUS, Javier López, e a presidenta de UGADE, Mar Caamaño.

No encontro abordáronse temas de gran interese para os doentes, xa que Xiana Rodríguez Osorio, neuróloga da unidade de epilepsia refractaria do CHUS, falou da Epilepsia e a Muller,  mentres que Miguel Anxo García, psicólogo clínico, falou das Dimensións psicolóxicas e familiares da epilepsia. Angel Prieto, do servizo de Neurocirurxía, abordou o tema dos electrodos profundos na cirurxía da epilepsia e Javier López, responsable da unidade, expuxo a neuroestimulación en epilepsia.

A epilepsia é unha das enfermidades neurolóxicas máis frecuentes, afecta ao 1% da poboación (3% en maiores de 80 anos). En Galicia, segundo datos do grupo de Estudo da Epilepsia da Sociedade Galega de Neuroloxía, existirían uns 27.000 doentes epilépticos, 8.000 deles con epilepsia refractaria.

Malia os grandes avances no desenvolvemento dos fármacos antiepilépticos, a epilepsia refractaria (aqueles doentes que non responden ao tratamento farmacolóxico) continúa sendo un importante problema de saúde pública, ao afectar ao 30% dos pacientes con epilepsia.

Comentarios
Lo más