miércoles. 25.11.2026 |
El tiempo

Bugallo pidiu onte o apoio dos composteláns para “ter un Santiago forte"

Bugallo pidiu onte o apoio dos composteláns para “ter un Santiago forte"
Bugallo pidiu onte o apoio dos composteláns para “ter un Santiago forte"

O candidato á alcaldía realizou un balance da campaña: “sempre atopamos un respaldo maioritario da cidadanía. Recoñecen que o actual goberno do Sr. Noriega, desde o punto de vista da xestión, foi un desastre”

Nun balance dos vinte días de campaña, o candidato á alcaldía de Santiago, Xosé A. Sánchez Bugallo sinalou que “estamos moi contentos de como a cidadanía de Santiago recibe as nosas propostas”, salientando que cada día aumentaba a afluencia aos actos da súa candidatura. “Cada día presentamos unha proposta programática, unha solución para cada un dos problemas que tiña Compostela. E fomos críticos coa labor do goberno”. Unhas críticas, segundo Bugallo, expresadas e compartidas polos veciños e veciñas. “Porque foron catro anos perdidos, catro anos de atraso: falta de xestión de servizos, falta de xestión dos investimentos, falta de xestión das prestacións sociais…”

Un goberno saínte, segundo o candidato á alcaldía, “moi opaco”. Arguméntao con datos. “Hai 10 anos Santiago estaba no posto 22 entre as cidades máis transparentes de España. Hoxe está no 60. Hai unha década ocupaba o primeiro posto entre as cidades galegas. Hoxe o cuarto ou o quinto”. Continúa sinalando que “a execución de gastos de 2018 non está na web, cando esa liquidación tiña que estar antes do 31 de marzo”. E por enriba, engade, “borráronse os catro trimestres que estaban anteriormente para que non puidésemos acceder aos datos”. Isto explica, di, “a incapacidade do goberno saínte, de Compostela Aberta, e de Martiño Noriega de render contas da súa xestión, incapaz de explicar a situación na que están os servizos municipais, sen contrato de transporte porque leva dous anos caducado; e un plan de mobilidade sen redactar”. Ocultando, engade, “que o contrato da limpeza e da recollida de lixo finalizou en abril de 2015, e non foi quen de sacar o concurso para a nova prestación do servizo; e que estamos sen contrato do servizo de auga”.

Para Bugallo, a campaña de Compostela Aberta foi unha “campaña sucia, e baseada en mentiras nas redes sociais. Escandalosa, en boa medida, porque gran parte do persoal que se ocupa de atender esas redes sociais, e quen as dirixe, é persoal pagado por todos os cidadáns de Santiago e a cargo dos orzamentos do concello. En lugar de servir á cidadanía están servindo para facer campañas baseadas en mentiras, en falsidades, en especulacións…. Eles verán o que fan”.

Engade Bugallo que “nós nunca quixemos entrar nese xogo. Sempre fixemos unha crítica razoada e documentada de todas as cousas que plantexamos e ao mesmo tempo, propositiva. Sempre dixemos o que imos facer, sexa en materia de cultura, en turismo, en creación de emprego, políticas sociais, en relación á preparación do Ano Santo do 2021, que por certo, o actual goberno é incapaz de dicir se ten algo pensado ou preparado. A 18 meses, atopámonos que non hai nada montado, nin plan algún”. Sempre atopamos, continúa, “un respaldo maioritario na cidadanía, incluso naqueles que non teñen pensado votarnos. Recoñecen que o goberno do Sr. Noriega, desde o punto de vista da xestión, foi un desastre”.

Nunha mensaxe final, fixo un chamamento a todos os composteláns, “para que voten pensando en Santiago e pensando no futuro de Santiago”. Pode haber, engade, quen estea preocupado “polo titular xornalístico do día 27. Eu dígolles que iso é irrelevante, porque o día 28 todos estaremos a outra cousa”. Para Bugallo o importante é pensar que vai pasar nos 1.460 días que quedan ata as seguintes eleccións municipais, “como se vai programar o Ano Santo de 2021, que debe ser unha gran oportunidade para Santiago e un gran éxito, pero se non se organiza, pode ser todo o contrario. Que vai pasar co Consorcio, cos proxectos pendentes, e que vai pasar con todos os contratos vencidos, caducados..., co transporte público, coa limpeza viaria, con todos os servizos da cidade. En suma, que vai pasar con Santiago”.

O 26 de maio decídese, segundo Bugallo, se nestes catro anos Santiago “inicia unha ruta para recuperar a posición que lle corresponde e converterse no centro e na referencia de Galicia: ou polo contrario se resigna a quedar atrás”. O candidato a alcaldía prosegue, “cando Martiño Noriega chegou á alcaldía atopou o listón de esixencia tirado no chan, e conformouse con non tropezar con el. Non se plantexou volver a por ese listón no punto onde estaba”.

Conclúe Bugallo “eu convido aos cidadáns de Santiago que fagan forte a Santiago. Que Santiago teña un goberno que poida gobernar, que poida facer fronte aos retos que ten a cidade, e que poida tomar as decisións que teña que tomar. Con capacidade para poder servir eficazmente ao conxunto da cidadanía. Que entre todos decidamos o Santiago que queremos ter”.

PREGUNTAS

Na quenda de preguntas Sanchez Bugallo insistiu en que a final “deste partido decídese entre eu e Martiño Noriega”. Lembra as enquisas, “o único que non cambiou foron os 17 escanos do centro cara a esquerda; e os 8 do centro para a dereita. É evidente que a decisión se tomará dentro deses 17”. Tamén lembrou que todos os cidadáns de Santiago coñecen a xestión do goberno que el encabezou, e a dos gobernos do PP e de Compostela Aberta: “tres dos que competimos fomos alcaldes de Santiago. E polo tanto os cidadáns teñen unha idea moi clara de como foi a labor de cada un”.

Insistiu en que “eu son o alcalde do Partido Socialista, pero quero ser o alcalde de todos os composteláns. Un alcalde que vai actuar representando a todos os composteláns, con respecto a todos eles. E que todos, independentemente da súa ideoloxía política, relixiosa, dos gustos culturais ou musicais, independentemente de que sexan dos barrios, das parroquias ou do centro, novos ou maiores…”  Quero, engade “que atopen en mi unha garantía de que todos estarán cómodos nesta cidade. Esta é a cidade de todos. Non é a cidade dunha parroquia determinada na que os demais quedan excluídos. É a parroquia de todos, onde todos teñen que ter o seu sitio. E por suposto, con respecto ás tradicións, pero tamén con absoluta apertura a todas as ideas e a todos os plantexamentos”.

XORNADA DE REFLEXIÓN

Sánchez Bugallo sinalou que hoxe, sábado, quere facer o percorrido do río Sar e do río Sarela e subir ao Pedroso. “Boto moitísimo de menos andar. Non sei se me dará tempo a facelo todo pola mañá. O que non me dea tempo, fareino pola tarde. Loxicamente falarei con todos os veciños que atope polo camiño e polo tanto é impredecible o número de horas que poida levar ese percorrido, porque son 22 quilómetros. Teño pensado saír ás dez da mañá, e con tal de rematar ás oito da tarde, doume por satisfeito”.

Engadiu o candidato que “irei comer a Roxos, onda miña nai. Por suposto irei andando. Quero compartir o día coa miña familia, que non os vin en toda a semana. Pola noite tiña previsto ir cear cuns amigos pola zona vella”. O candidato rematou agradecendo aos medios a súa cobertura.

XORNADA ELECTORAL

Sánchez Bugallo exercerá o seu dereito ao voto ás dez da mañá, no IES Xelmirez I de Santiago, situado na rúa de Poza de Bar. Ao finalizar a xornada electoral esperará os resultados no local de campaña, na rúa de Montero Ríos, número 24, acompañado do seu equipo e do resto da candidatura. 

Comentarios
Lo más