Bugallo pide que a cidadanía vote o 26M a un goberno forte capaz de resolver as demandas de Santiago
O candidato á alcaldía de Santiago realizou estas declaracións na rolda de prensa na que presentou as propostas de comercio da súa candidatura, entre as que destaca un Programa Estratéxico de Comercio Innovador 2020/2030, un Plan de dinamización e renovación comercial da Cidade Histórica, e o recoñecemento de Área Central como grande superficie comercial vinculándoa As Cancelas
Un Plan Estratéxico de Comercio Innovador 2020/2030; reforzar a actividade comercial con políticas urbanísticas e de mobilidade; un Plan de dinamización e renovación comercial da Cidade Histórica; outro que integre a dimensión comercial do Ensanche; e fomentar o recoñecemento de Área Central como grande superficie comercial vinculándoa As Cancelas, cunha oferta comercial e de ocio atractiva e diferente. Son algunhas das propostas para o sector comercial, presentadas polo candidato á alcaldía de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo.
Baixo o epígrafe Compostela, cidade de compras, o programa socialista sitúa ao sector comercial como o motor e eixo vertebrador da dinamización económica da cidade, ocupando un lugar de referencia, con medidas que teñen como obxectivo impulsar e consolidar o pequeno comercio. Por iso cómpre, segundo explicou Sánchez Bugallo, “aumentar a competitividade e o atractivo do noso comercio, para captar clientela, nun momento de importantes ameazas, como o comercio on-line”.
Entre as medidas expostas, desenvolver programas estables de promoción da oferta comercial, de ocio e de servizos da cidade no hínterland compostelán; ou elaborar un Programa Estratéxico de Comercio Innovador 2020/2030 en colaboración coa USC, a Cámara de Comercio, as asociacións de comerciantes e a Deputación Provincial, que sirva de base á implantación dunha estratexia de renovación comercial no conxunto da cidade.
Outra das propostas explicadas por Sánchez Bugallo, é reforzar a atractividade comercial da cidade, con políticas urbanísticas e de mobilidade que contemplen a vocación comercial de zonas como o Ensanche, a Cidade Histórica ou Fontiñas/Cancelas. Para o candidato á alcaldía “Área Central e As Cancelas teñen que ser a mesma área comercial”. Tamén “se apoiará o asociacionismo comercial que facilite accións comúns en cada unha das zonas comerciais e actúe como un elemento de dinamización”.
Cidade Histórica
Para a Cidade Histórica, o compromiso é un Plan de dinamización e renovación comercial, incorporando unha estratexia de captación de ofertas e actividades capaces de xerar atracción. Cómpre buscar a implantación de marcas de referencia e actividades comerciais e de servizos. Por iso, explicou Bugallo, “impulsaremos a rehabilitación e reformas que precisen os locais, xunto cos servizos necesarios para o seu funcionamento”.
Lembrou o candidato, que se creará unha oficina da Cidade Histórica para axilizar a tramitación administrativa, “non pode ser que hoxe teñamos que esperar unha media de tres anos na tramitación dunha licenza, por iso é importante esta oficina”. Tamén se avaliará, conxuntamente co sector a posibilidade de avanzar na regulación de usos. Os pasos a seguir, segundo Bugallo, “declarar o casco histórico zona saturada de determinados comercios; e buscar fórmulas para implantar na Cidade Histórica un comercio de calidade, por exemplo, de artesanía”.
Ensanche
No Ensanche, as medidas de dinamización comercial pasan por desenvolver programas concretos en colaboración coas asociacións e os comercios, e por impulsar un Plan integral de convivencia, que recolla a súa dimensión comercial. Faríase completando a súa reurbanización, dándolle prioridade ao Hórreo, por ser a principal vía de acceso desta a estación de tren ao centro da cidade. Trátase, segundo Bugallo, de “favorecer a conectividade entre a Cidade Histórica e o Ensanche, eliminando as barreiras que poida existir”, e reactivando propostas de aparcamento que dean resposta á demanda existente. Cita Bugallo “o proxecto de construción dun aparcamento público no Campus Sur que dea servizo ao Ensanche e ao Casco Histórico” e “o reforzo dos aparcamentos de borde, ampliando horarios, mellorando a conexión co centro da cidade e construíndo cinco: dous na Rocha un na entrada de Ourense, un na entrada por Cruceiro da Coruña e o outro en San Lázaro.
Sobre o proxecto Peleteiro, sinala Bugallo que é o “último espazo de oportunidade que queda no Ensanche”. No programa socialista contémplase unha reurbanización para que sexa un elemento de reactivación comercial e inclúa equipamentos e dotacións públicas. Resolvería, segundo Bugallo “os déficit de espazos colectivos da zona e funcionaría como un elemento de atractividade para o sector comercial”; e a falta de aparcamentos, “xa que cremos que o mellor sería un aparcamento en rotación cunhas 600 prazas en lugar das 400 contempladas, que nos parece unha oferta insuficiente”. O compromiso “darlle unha solución nos primeiros tres meses de mandato municipal, buscando o consenso coa veciñanza e co sector comercial, a través dunha Comisión Mixta”.
Área Central/As Cancelas
Outra medida é fomentar o recoñecemento de Área Central como grande superficie comercial. Neste momento, sinala o candidato, “está recoñecida como un comercio de barrio. Pensamos que é un centro comercial viable e atractivo. A fórmula é vinculalo coas Cancelas, para que se produzan sinerxías entre ambos que reforcen esa atractividade”.
Sánchez Bugallo “aposta por un espazo comercial integrado Cancelas/Fontiñas, que consensuaremos coas asociacións e a xestora”; cunha oferta diferenciada e complementaria: “unha solución, por exemplo, podería ser que Área Central se especializase máis no ocio”. Esta vinculación completaríase con buses lanzadeira que conectarían, en tres minutos, ambos centros comerciais. E cun novo aparcamento, explicou, “que resolvería os problemas para aparcar que existen actualmente en Fontiñas”.
Mercado de Abastos
O programa da candidatura de Sánchez Bugallo tamén contempla a construción dun aparcamento en Belvís, “agora o que hai é unha solución provisional que habilitamos no Ano Santo de 1999”. Este novo aparcamento daría servizo e apoio ao Mercado e á Cidade Histórica”.
Precisamente, entre as medidas enumeradas no programa, está por en marcha, en colaboración coa sociedade xestora do Mercado, programas concretos para a extensión dos segmentos de clientela a persoas máis novas, e reforzar a súa capacidade de atracción integrándoa na planificación da oferta turística.
Outra medida, en colaboración coa Fundación Centro Galego para a Artesanía e o Deseño, é por en valor a oferta de produtos de artesanía da comarca de Santiago, que serven de mostra da evolución creativa da contorna mais próxima.
Eleccións
Sobre as eleccións, Sánchez Bugallo sinalou que “nada está decidido. Todo se vai decidir o día 26”. “O que lle quero transmitir a todos os cidadáns, é que o que hai o día 26 é unha oportunidade real de cambio. E convidar aos cidadáns de Santiago, que aposten por esa oportunidade real de cambio”. Argumenta que “Santiago perdeu catro anos, e non pode permitirse o luxo de perde catro máis. Serían irrecuperables”.
Bugallo explica que “onte estiven nun encontro cos veciños de Santa Marta. E quedei sorprendido polo número de asistentes. Porque non é normal que a un encontro de barrio veñan cento e pico persoas. Pero, sobre todo, o que estou vendo, é que o que nós plantexamos conecta absolutamente co sentimento da xente”. Segundo explica “todas as intervencións foron no mesmo sentido: o centro cultural está abandonado, mal xestionado; o barrio está desatendido, non hai mantemento de ningún tipo. Os veciños séntense abandonados. E senten que Santiago quedou atrás”.
Subliña o candidato que “ese é un sentimento compartido en todos os barrios aos que fomos”. “Espero que ese sentimento se transforme o día 26 nunha decisión política. E o que quero insistir é que, cando voten o 26, non só pensen nese día, nin no 27. Que pensen nos 1.460 días, nos catro anos que veñen a continuación”. E continúa, “eu non sei se no 2023 me presentarei ás eleccións. Pero asegúrolles que se o 57% dos que me votaron ou dos que me voten o 26 están decepcionados comigo, non me presento”.
Finaliza Bugallo dicindo que non sabe o que pasara o 26. Pero, “o que si sei, é que hai dous candidatos con opcións reais de ser alcalde, eu e Martiño Noriega. Porque o único dato que podemos dar por válido de todas as enquisas é que previsiblemente 17 concelleiros se ubicarán no espazo que vai do centro cara a esquerda; e só 8 no espazo que vai do centro á dereita”. Pero, engade, “todos os cidadáns de Santiago deciden, non só quen vai estar, se non como vai ter que gobernar. E deciden se queremos un Santiago forte e un goberno con capacidade para atender os problemas e demandas da cidadanía que faga fronte aos retos que se presentan”, ou un goberno débil.