Bugallo propón a creación dunha policía de barrio
Respondendo as demandas veciñais de transporte, o programa tamén contempla unha revisión das actuais liñas de autobús, co obxectivo de chegar regularmente a todos os barrios
O candidato á alcaldía de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, e os membros da súa candidatura manteñen hoxe un encontro cos veciños de Santa Marta. Onte fixérono cos do Castiñeiriño, e mañá estarán en Fontiñas. Nestes encontros expóñenlle o seu programa electoral, tanto a nivel xeral como específico para cada un dos barrios. Un programa que recolle importantes medidas de acción social, vertebración urbanística, mobilidade, ou equipamentos para todo o concello, incluído o rural e a periferia. Desde a humanización das rúas Restollal-Amor Ruibal, estender a rehabilitación a todo o termo municipal; ata a necesidade de revisar o mapa escolar, ante o aumento de alumnado nos barrios con polígonos de nova construción, como pode ser Santa Marta ou O Castiñeiriño. Precisan, segundo sinala o candidato á alcaldía, un novo centro escolar.
As medidas recollidas no programa deseñáronse en base a dous aspectos: as necesidades e carencias detectadas a nivel social, económico, urbanístico, cultural, e noutros aspectos máis transversais, como pode ser a educación, a igualdade, a mobilidade ou o plano institucional. E as demandas dos veciños tanto da cidade como do rural, recollidas en reunións previas. Neste momento, os problemas que presentan os barrios a nivel dotacional e de servizos, son os mesmos que en 2011, cando Sánchez Bugallo rematou o se mandato como alcalde.
Hai propostas específicas para cada barrio, que atenden as demandas concretas dos veciños e hai propostas que responden a necesidades máis transversais presentes en cada unha das zonas visitadas. Entre elas, medidas medidas relacionadas coa seguridade. No programa electoral está contemplada a creación de unidades de policía de barrio adscrita á Cidade Histórica, ao Ensanche, ás Fontiñas e ao rural.
E medidas relacionadas coa mobilidade. Como expandir os carrís bici, acondicionando espazos actuais e desenvolvendo novas rutas. O obxectivo: enlazar Fontiñas co camiño de Sar-Banquete Conxo-A Rocha, e a estudar a posibilidade de ligar este carril co acceso a Medicina e ao Campus Sur. Tamén existe o compromiso de impulsar un carril bici entre o Campus Sur e o Campus Norte da USC.
Respondendo as demandas veciñais de transporte, o programa tamén contempla unha revisión das actuais liñas de autobús, co obxectivo de chegar regularmente a todos os barrios. Por exemplo, neste momento, non hai autobuses que cubran a ruta da Almáciga. Tamén está contemplado axustar a Ordenanza de Residentes, para priorizar o uso do espazo de aparcamento en superficie polos veciños dos distintos barrios.
Outra finalidade e o fomento do avellentamento saudábel e activo. Para que chegue a todos os barrios utilizaranse os Centros Socioculturais, nos que se desenvolverá un plan específico de actividades deportivas dirixidas ás persoas maiores da cidade. Non só con actividades de interior, senón tamén en diferentes rutas de sendeirismo, o aproveitamento dos distintos circuítos biosaudábeis, etc.
As principais demandas dos veciños de Vite, Vista Alegre, e Guadalupe están relacionadas coa accesibilidade dos edificios, e coa renovación das infraestruturas de auga e saneamento. En canto á accesibilidade, o candidato á alcaldía de Santiago, asumiu o compromiso de instalar “ramplas” paralelas ás escaleiras dos edificios, para as persoas con dificultades de mobilidade; e a impulsar, dentro do ARI, os proxectos de rehabilitación e instalación de ascensores. Bugallo tamén considera urxente, cambiar as infraestruturas de auga e saneamento, que datan de 1971, salvo as da Avenida Castelao, renovadas en 2010, baixo o seu mandato como alcalde.
Para o barrio de Vite existía un Plan Director, cun investimento de máis de dous millóns de euros, para reurbanizar varias rúas, entre elas Carlos Maside. O obxectivo dese plan era, precisamente, subsanar os problemas de accesibilidade e saneamento. Contemplaba unha serie de investimentos na zona de Federico García Lorca e en rúas máis pequenas, como Irmandiños. Recuperar ese plan director e executar as actuacións previstas é un dos obxectivos do programa de Sánchez Bugallo.
En San Lázaro, o compromiso de Sánchez Bugallo é desenvolver os plans parciais de vivenda: Plan de Mallou con capacidade para 2.620 vivendas de protección pública; e Plans Parciais de Cancelas, A Muíña e norte de Amio con capacidade para 2.500 vivendas. Deste xeito garantiríase a cobertura da demanda, ata o ano 2030, de vivendas de protección en aluguer e en propiedade, incluída a presencia de solo debidamente urbanizado.
Ademais destas actuacións, atenderanse as peticións dos veciños de San Lázaro para que se substitúan as canalizacións de fibrocemento, xa obsoletas; ademais de mellorar as dotacións de servizos e equipamentos.
En Fontiñas, as demandas céntranse na falta de mantemento. O máis urxente, o estado dos muros de contención. Pero tamén precisan máis limpeza, e coidado das zonas verdes e arboradas. Sánchez Bugallo comprometeuse a contratar unha empresa de servizos para dar unha resposta rápida a eses problemas de mantemento que presenta, tanto Fontiñas, como os demais barrios de Santiago.
A nivel comercial, fomentarase o recoñecemento de Área Central como grande superficie comercial e apoiarase a súa vinculación co novo centro comercial das Cancelas, para que se produzan sinerxías entre ambos que reforcen a súa atractividade.
En canto á zona sur de Santiago, precisa novo centro de saúde en Conxo, unha escola escola infantil en Santa Marta; e un novo centro escolar para dar servizo a demanda de prazas escolares. Todas son medias contempladas no programa, no que tamén destaca a construción dun gran complexo deportivo en Santa Marta, presentado onte á prensa. Outras demandas veciñais comprometidas son a humanización tanto da rotonda como do túnel de Conxo, para favorecer a mobilidade e integralos no conxunto do tecido urbano; e a consolidación da Festa do Banquete de Conxo.
Outro importante proxecto da candidatura de Bugallo é a humanización da rúa do Restollal e da rúa de Amor Ruibal. Segundo explicou Sánchez Bugallo, reurbanizaríanse 1,3 quilómetros, transformándose nunha avenida urbana, cun carril para bicicletas. O obxectivo: facilitar a mobilidade, a accesibilidade e a permeabilidade entres os dous lados do vial.
En Lamas de Abade cómpre unha reforma das infraestruturas viarias que demanda o complexo formativo, co obxectivo de mellorar a seguridade vial, o aparcamento, e a súa integración con Cruceiro de Sar. Esta medida, está contemplada no programa.
Outro dos compromisos programáticos é completar as actuacións nas Brañas do Sar para rematar o gran parque urbano de Compostela. Ademais, está previsto impulsar a protección do conxunto das Ribeiras do Sar, tanto cara as súas fontes (Parque das Fontes do Sar) como a continuación do Restollal.
Renovar a rúa Betanzos, construír un parque infantil na zona, instalar un ascensor no barrio da Almáciga antes do 2020, e por un autobús que suba ata a Almáciga. Son varias das peticións da veciñanza deste barrio que Sánchez Bugallo se comprometeu a estudar e desenvolver. Para Meixonfrío, a actuación máis destacada contemplada no programa é a construción de 2.200 vivendas protexidas no Polígono da Pulleira, das que 1.800 son de protección; co obxectivo de dar solución ao problema habitacional de Santiago e contribuír a por no mercado alugueres a prezos asequibles.